A Aemet avisa de risco “moi alto” de incendios no Val Miñor para este mércores

A Axencia Estatal de Meteoroloxía activou para este mércores a alerta de incendio no Val Miñor. Se os niveis previstos de risco foron altos este martes na maior parte de Galicia mañá serán “moi altos”. As previsións indican temperaturas máximas superiores aos 20 graos e ventos de compoñente norte, frouxos no interior, aumentando durante as horas centrais e con intervalos fortes no litoral atlántico.

O nivel de risco meteorolóxico diario de incendios forestais está baseado no sistema canadense e calcúlase a partir dos datos das estacións meteorolóxicas de AEMET e das saídas dun modelo numérico de predición do tempo. As variables de entrada do modelo de estimación de risco son: a temperatura do aire seco T (ºC), a humidade relativa do aire Hr (%), a velocidade do vento Vv (km/ h) e a precipitación rexistrada nas últimas 24 horas Pp (mm). Os datos da análise e prognóstico refírense ás 12 UTC co fin de obter o valor de máximo risco diario, o que sucede en torno ao mediodía, aínda que o seu valor ten validez desde varias horas antes ata varias horas despois das 12 UTC.

Na AEMET os datos que interveñen no cálculo dos niveis de risco proceden da súa rede de estacións sinópticas e automáticas e do modelo HIRLAM 0.05 (resolución espacial de 0.05º e xanela de traballo de 47.367 puntos de reixa). Cada punto de reixa sitúase no centro dun cadrado ou píxel de 5 km de lado, por tanto, as variables de cálculo son representativas dunha área de 25 km2 ou 2500 ha.

O risco de incendio se estratifica en cinco clases ou niveis de risco (baixo, moderado, alto, moi alto e extremo) que serán indicadores da probabilidade de ocorrencia do lume así como da extensión e intensidade do mesmo.