Anuncios
Ticker de novas

Visita á cooperativa “Artesáns&Kids” do CPI Cova Terreña

A deputada de Emprego, Montse Magallanes, xunto coa deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, visitaron este martes aos nenos, nenas e profesoras e profesores do CPI Cova Terreña de Baiona que están a participar no programa “Depoemprende na Escola” da Deputación de Pontevedra, posto en marcha por segundo ano consecutivo pola institución provincial e que ten como obxectivo fomentar o emprendemento entre os máis novos.

Alumnos e alumnas de 6ºA de Primaria constituíronse como unha sociedade cooperativa. Así, Estela Alar, Pedro Cabral, Lía Castro, Óscar Conde, Manuel Dopazo, Joel Garbín, Carla García, Antía Goce, Zaira Hermida, Iria Ludeña, Julio Martínez, Álex Moure, David Pérez, Pablo Plaza, Iker Pombal, Hannah Quiñones, Iria Rocha, Alba Rodríguez e Alba Vidal son os 19 socios e socias da empresa “Artesáns&Kids”.

Teñen entre 11 e 12 anos pero xa xestionan todo eles mesmos e toman todas as decisións. Mesmo teñen equipo directivo, elixido por votación, con presidenta, secretaria e tesoureiro. Tamén contan co apoio dos “papás”, sobre todo os que se dedican ao mundo empresarial, que lles axudaron con charlas nas que lles deron consellos e un deles indicoulles como deberían facer o estudo de mercado.

A presidenta, Antía Goce, a secretaria, Alba Vidal, e o tesoureiro, Álex Moure, explicaron ás dúas deputadas todo o proceso que seguiran para levar a cabo o proxecto, no que tamén están involucrados a súa titora, Mercedes Coto, e os profesores de Matemáticas e Inglés, Manuel Vázquez e Santiago Otero respectivamente.

Finalmente, mostráronlles algúns dos produtos que elaboran para a súa posterior venda, como son broches, lapiceiros, cadernos, trenzas para o pelo, chaveiros, frascos de cristal, tres en raia coas fichas feitas coa casca de noces, carteiras, pulseiras, aneis, marcapáxinas ou pousavasos. As dúas representantes da Deputación, non dubidaron en adquirir algúns deles.

No primeiro trimestre elaboraron os estatutos, decidiron que capital achegaba cada un, que foi de 5 euros, e foron á Deputación para recoller o CIF de empresa. No segundo trimestre, redactaron o estudo de mercado e comezaron a elaboración dos produtos para vender. Cos beneficios axudarán a dúas causas: a ONG “Axuda ao Mundo Necesitado” de Baiona e á protectora de animais Bai.senpulgas.

Aínda que estaba estipulado que a venda se realizase no terceiro trimestre, o primeiro fin de semana de marzo participaron na Festa da Arribada cun posto na rúa Lorenzo de la Carrera, moi preto do Concello, ofrecendo os seus produtos durante as tres xornadas sen descanso.

No terceiro trimestre continuarán vendendo, aínda que non teñen concretado o lugar. Descartado xa o Mercado de Sabarís, reuniranse co Concello de Baiona para elixir unha posible localización. Segundo a súa titora, un bo emprazamento sería a Rúa Elduayen durante os fins de semana. Xa no mes de maio, terán un punto de venda xunto cos outros 20 centros de ensino participantes en “DepoEmprende na Escola” en Pontevedra, como peche da iniciativa.

Os interesados en contactar con “Artesáns&Kids” poden facelo a través do correo electrónico artesanskids@gmail.com, no cal tamén aceptan pedidos.

Anuncios