Vegalsa-Eroski adheriuse á iniciativa impulsada pola Asociación Española Contra o Cancro “Todos Contra o Cancro”, asinando o seu manifesto co compromiso de contribuír a alcanzar a taxa do 70% de supervivencia á enfermidade no ano 2030. O acto, celebrado na sede da Asociación na Coruña, contou coa participación de Manuel Aguilar, presidente da Xunta Provincial da Asociación Española Contra o Cancro na Coruña e de Gabriela González, directora de Sustentabilidade e Comunicación Corporativa de Vegalsa-Eroski, Tania Casal e Purificación Pérez, voluntarias e pacientes oncolóxicas.
Con esta nova colaboración, a compañía galega de distribución alimentaria únese ao compromiso da Asociación de contribuír a exceder a taxa do 70% de supervivencia á enfermidade no ano 2030, cuxo acordo se materializará a través de diversas accións para visibilizar a loita contra o cancro, con especial foco na promoción de hábitos saudables e garantir o benestar emocional de pacientes e familiares.
Declarada polo Goberno de España como Acontecemento de Excepcional Interese Público (AEIP), “Todos Contra o Cancro” ten como obxectivo a creación dun movemento que una a toda a poboación, empresas, entidades, administracións públicas e medios de comunicación para alcanzar o obxectivo común de superación da enfermidade. Por este motivo, a Asociación Española Contra o Cancro está a promover a adhesión de medios e compañías como Vegalsa- Eroski para multiplicar os recursos destinados a mellorar a atención, divulgación, prevención e investigación do cancro.
Durante o acto de firma, Manuel Aguilar, presidente da Xunta Provincial da Asociación Española Contra o Cancro na Coruña expresou que “é inspirador ver como empresas como Vegalsa-Eroski, que teñen unha profunda herdanza familiar e sólidos valores, únense á causa de ‘Todos Contra o Cancro’, demostrando o seu compromiso social e o seu apoio a unha causa tan importante como a loita contra esta enfermidade”.
Pola súa banda, Gabriela González, directora de Sustentabilidade e Comunicación Corporativa de Vegalsa-Eroski recalcou o firme compromiso da compañía coa causa: “O cancro é un desafío que todos debemos enfrontar xuntos como sociedade, e as empresas teñen o poder de impulsar o cambio. En Vegalsa-Eroski nos enorgullece unirnos a este movemento e axudar tanto como podamos, achegando recursos para concienciar aos nosos colaboradores e mobilizar á comunidade en apoio desta causa tan crucial”.
O acto contou coa presenza das voluntarias da Asociación e pacientes oncolóxicas, Tania Casal e Purificación Pérez, que incidiron na importancia de destinar fondos a impulsar a investigación oncolóxica e o apoio aos pacientes. “Gustaríame dar as grazas a esta enorme iniciativa, como paciente, destacar a importancia de que as empresas nos apoien”, declaraba Purificación Pérez. Pola súa banda, Tania Casal destacaba que “é importante visibilizar a enfermidade e o importante que é a investigación en cancro, porque grazas a que alguén apostou no seu día por un tratamento, eu hoxe estou aquí”.

