Tras eliminar ao Celta Bosco en semifinais, este fin de semana o equipo da 2ª División Júnior Feminina do Club Baloncesto Baiona proclamouse campión de Liga tras conseguir a vitoria na final a dobre partido contra o CB Salesianos. A ida disputouse o sábado ás 19:45 horas no Pavillón Municipal de Baiona, e a volta o domingo ás 19:00 horas no Colexio Salesianos de Vigo.
O Baiona Torvigo impúxose nos dous partidos cun xogo moi sólido. Na ida, o Salesianos viuse superado por un rival que, ademais, sorprendeu coas súas estratexias defensivas. O equipo vigués non logrou atopar o seu xogo, mostrouse desacertado no tiro e ao final cedeu máis terreo do esperado. Resultado final, 47 a 30.
Na volta, Baiona entrou con moitas ganas, enseguida púxose 10 puntos arriba e crecéronse. Saíalles todo e as do Salesianos tardaron en reaccionar. Fixeron a goma un par de veces pero na segunda parte o equipo baionés sentenciou o encontro anotando de todas as cores, concluíndo cun 45 a 68 no marcador.
En palabras do adestrador, Manuel Martín, “estamos moi contentos de que o equipo competise a tan bo nivel, do marabilloso ambiente de traballo que hai e destacar tamén o gran traballo das xogadoras cadetes”.
“Desde o CB Baiona- Torvigo estamos moi contentos polo traballo que se está levando a cabo, non só nesta categoría, senón tamén no resto de equipos que forman o Club. Imos facendo que os xogadores progresen e aprendan dentro dun ambiente de deportividade e esforzo”, engade Martín.
“Co gran labor dos adestradores, seguiremos traballando para consolidar o proxecto formando xogadores desde a base”.

