
O Concello de Nigrán sumouse por cuarto ano consecutivo ao “Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia” cun acto este sábado no Cemiterio Municipal de Nigrán (no Ceán) no que se honrou a Daniel Pazó, veciño falecido en 2008 que revolucionou a pesca do polbo inventando o “casulo” das nasas e quen defendeu a República como cabo de artillería na Mariña (foi un dos poucos superviventes do atentado ao acoirazado Jaime I). Ao acto acudiu o goberno local, familia e veciños de Daniel Pazó e representantes da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística. Durante o mesmo se descubriu a súa lápida trocada e traducida ao galego polo consistorio, Carmeliña recitou o poema de Celso Emilio Ferreiro “Deitado fronte ao mar” e tocou o grupo de gaitas “O Castro” de Chandebrito.
O rexedor, Juan González, amósase especialmente orgulloso de homenaxear e recordar a figura de Daniel Pazó, falecido aos 93 anos e do que recolle moitas testemuñas no seu libro “Nigrán. Memoria dunha Guerra 1936-1939”. “Era unha persoa comprometida coa legalidade da República, loitou por ela ata o final da Guerra vivindo en primeira man episodios claves da contenda. Pagou a súa lealdade coa cárcere, sen embargo, foi capaz de perdoar e retomar a súa vida creando ademais unha xenialidade no mundo da pesca. Por todo elo, dende o goberno de Nigrán quixemos aproveitar este acto de restauración da memoria lingüística para recuperar tamén a memoria histórica dos nosos veciños”, defende González.
Este Día de Restauración da Memoria Lingüística está promovido pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, sumándose o Concello de Nigrán por vez primeira na súa historia en 2015, cando se homenaxeou ao mestre republicano fusilado José Vázquez Grela, no 2016 ao escritor Carlos Casares (os dous enterrados no Cemiterio Municipal de Nigrán) e o ano pasado ao represaliado de Parada José Veiro. As lápidas dos camposantos galegos demostran a renuncia dos galegos polo seu idioma: prefiren lembrar aos seus defuntos nunha lingua que non falan no ámbito familiar. De feito, só unha minoría consciente exerce a galeguidade no ámbito da esfera individual e familiar. Os datos son elocuentes: só unha de cada mil está escrita en galego; e unicamente un 2% das necrolóxicas publicadas nos xornais está redactada no noso idioma.
Daniel Pazó Vila (1915-2003)
Natural de Nigrán (A Tarela), Daniel Pazó Vila foi recoñecido na súa vida por dúas proezas: por un lado pola súa defensa da República loitando como artilleiro na Mariña e, por outro e xa na súa xubilación, por revolucionar a pesca do polbo co invento dun casulo específico para a pesca con nasa deste cefalópodo (o que maioritariamente se segue empregando hoxe en toda Galicia).
Pazó alistouse con 20 anos na Armada da II República Española como mariñeiro voluntario, enrolándose case inmediatamente no acoirazado Jaime I como cabo de Artillería. “Non tivemos nin catro horas seguidas de descanso debido o puro bombardeo alemán”, rememoraba no libro “Nigrán. Memoria dunha Guerra 1936-1939” do rexedor Juan A.González. El foi uno dos poucos superviventes á explosión do barco o 17 de xuño de 1937 en Cartagena, aínda que arrastrou secuelas de por vida. Continuou servindo á República dirixindo unha operación de emprazamento de baterías dende o Cabo de Gata a Roquetas del Mar (Almería) e despois como escolta do Estado Maior no Arsenal de Cartagena. O 29 de marzo de 1939 foi detido e estivo a piques de ser fusilado dúas veces. A súa lealdade á República supúxolle 3 anos de cárcere por toda España, rematando na de Ferrol “despois de pasalas canutas”. Co paso dos anos, en 1991 foille recoñecida polo Goberno a graduación de Capitán de Corveta da Armada polos servizos á República.
Ao regreso a Nigrán, dedícase á pesca para sobrevivir e non tarda en inventar os casulos das nasas, un aparello que alberga a carnada para que o polbo teña máis difícil levala sen quedar atrapado. Este invento posibilitou de xeito práctico e rendible a pesca específica deste recurso nas nosas rías, xa que ata ese momento, o polbo pescábase con escasa eficacia cas nasas da nécora ou ben coa “raña”, arte que pescaba o polbo de un en un. A día de hoxe segue sendo o aparello máis empregado para o cefalópodo en baixura.