MasterChef xa se promociona con Baiona entre as súas localizacións

RTVE presentou este xoves “MasterChef”, o talent culinario de La 1 que se propuxo este ano que a súa cociña traspase as pantallas e impregne os salóns de todas as casas. Para iso, as novas promesas da gastronomía terán que demostrar todo o que saben nesta sexta edición, que estará centrada na cociña de aproveitamento e a cociña saudable, con nova imaxe e novas mecánicas.

“MasterChef 6” recibe a 15 amateurs con verdadeira paixón pola gastronomía e que van comezar un camiño que cambiará por completo as súas vidas. O resultado depende deles, porque nesta edición os erros páganse moi caros. Pepe Rodríguez, Samantha Vallejo- Nágera e Jordi Cruz esixirán que saiban utilizar coma se fosen expertos as principais técnicas de cocción e que preparen correctamente os alimentos antes de cociñalos.

Os aspirantes percorrerán a xeografía española en busca dos mellores produtos. Cociñarán en lugares de ilusión, como o acueduto de Segovia, entre rañaceos madrileños, baixo as carpas do Circo do Sol, entre os muros da Universidade de Salamanca ou nas bancadas do estadio Wanda Metropolitano. Mesmo se coarán nos ensaios de Pablo Alborán mentres prepara a súa próxima xira. Ademais, en Baiona, o xurado organizará unha homenaxe á poboación civil afectada polos incendios que tiveron lugar o pasado verán en Galicia.

O gañador conseguirá o trofeo de “MasterChef 6”, un premio en metálico de 100.000 euros e publicar o seu propio libro de receitas. A Facultade de Ciencias Gastronómicas Basque Culinary Center completará a formación do gañador cun Máster en Cociña, Técnica e Produto; e dos dous finalistas, cun Máster en Pastelería e un Curso de Especialización.

Anuncios