Sin categoría

O Concello de Baiona organiza unha viaxe a Ribadesella polo “Día de Villas Marineras”

O Concello de Baiona organiza unha viaxe a Ribadesella para asistir o sábado 5 de maio ao “Día de Villas Marineras” e participar nos festexos que se celebrarán na localidade asturiana.

A Asociación Villas Marineras á que Baiona pertence desde a súa fundación, celebra o sábado 5 de maio a cuarta edición do “Día de Villas Marineras”. Nesta ocasión, a vila anfitrioa será Ribadesella, en Asturias, e o evento, que se celebrou por primeira vez no ano 2014 en Baiona, xorde para dar a coñecer os municipios que forman o colectivo e poñer en valor os seus recursos turísticos, culturais e gastronómicos, ademais de afianzar a imaxe a nivel interno nos propios municipios.

A Concellería de Turismo de Baiona, que coordina Beatriz González, está a traballar na organización da viaxe, para que os veciños de Baiona que teñan interese en participar neste evento, poidan desprazarse á localidade asturiana.

A viaxe será de dous días, facendo noite en Ribadesella o venres, 4 de maio. A saída de Baiona será o venres e a volta a Baiona na tarde/noite do sábado 5 de maio.

O custo total da viaxe por persoa será de 76 euros en cuarto dobre. O prezo inclúe o aloxamento nun céntrico hotel de 2 estrelas, en réxime de aloxamento e almorzo buffet, e todas as comidas e ceas que implica o desprazamento. A viaxe, subvencionada polo Concello de Baiona, realizarase en autobús.

O Concello de Ribadesella está a elaborar un amplo programa de actividades, no que incluirán diversas actuacións folclóricas e tradicionais, varias mostras gastronómicas e de artesanía, ademais de visitas guiadas polo municipio.

Toda persoa interesada en viaxar a Ribadesella, deberá contactar e inscribirse na Oficina de Turismo de Baiona, no teléfono 986 68 70 67. Prazas limitadas por rigorosa orde de inscrición. O prazo de inscrición ábrese a partir deste sábado, 14 de abril.