Baiona destinará 208.237 euros para contratar a 38 veciños desempregados

FOTO: CONCELLO DE BAIONA

O Concello de Baiona destinará un investimento de 208.237 euros, de fondos procedentes da Deputación de Pontevedra, para contratar 38 persoas desempregadas. A contía provén da liña que o organismo provincial prevé dentro do Plan Concellos 2018 para que os municipios utilicen nas conservacións de bens e servizos municipais. Dentro do montante de Deputación destinado a emprego, o Concello de Baiona quixo gastar o total da porcentaxe que se lle atribúe a estas funcións un 22,5%, non é necesario empregar o 100% a emprego, pero o alcalde xunto co equipo de goberno quixo reverter a partida total no emprego dos veciños.

“É unha noticia fantástica que 38 familias poidan beneficiarse deste tipo de contratos xa que lles garante uns ingresos. Ademais, co seu traballo axudarán a manter e a mellorar diversos servizos municipais”, sinala Ángel Rodal, Alcalde de Baiona, que defende que con estas novas incorporacións poderanse reforzar os servizos e ampliar as actuacións do consistorio.

Cada un dos postos de traballo do Plan Emprégate 2018 do Concello de Baiona será de xornada completa (35 horas semanais) e unha duración de entre 6 meses, a maioría de prazas ofertadas, concretamente 23, e os outros 15 restantes entre 4 meses e medio e 3 meses (ata o mes de decembro).

Concretamente as prazas solicitadas polo Concello por un período de seis meses son: 1 condutor de camión, 9 operarios de limpeza viaria e recollida do lixo, 2 operarios de xardinería, 6 peóns de obra pública, 1 operario de servizos múltiples, 1 peón de cantería, 1 ordenanza e 2 técnicos superiores de turismo. Por un período de catro meses e medio solicitouse: 1 condutor de camión e 1 operario de servizos múltiples. A contratación por unha duración de 4 meses será para 3 peóns de obra pública e 2 operarios de xardinería. Por tres meses: 4 operarios de limpeza viaria e recollida do lixo, 2 operarios de servizos múltiples e 2 técnicos superiores de turismo.

Os candidatos para cubrir as prazas terán que estar empadroados no municipio de Baiona e ser demandantes de emprego, polo que é obrigatorio estar inscrito nas listas do INEM para os postos demandados. Ademais, a Deputación de Pontevedra marca as prioridades á hora da selección, de forma que terán preferencia as mulleres vítimas de violencia de xénero, os maiores de 45 anos e os solicitantes que formen parte de familias monoparentais.