A CEMMA de Nigrán analiza o ADN das baleas Cantábricas cazadas hai máis de 400 anos

Recentemente concluíu o primeiro estudo molecular para identificar cales foron as especies que constituían as capturas principais dos baleeiros antigos en Galicia e Norte Peninsular.

As baleas como recurso

Durante milenios, as baleas foron usadas como recurso, inicialmente dun xeito oportunista, mediante o aproveitamento de animais varados nas praias e, posteriormente, mediante caza activa como recurso alimenticio (consumo de carne), enerxético (uso da graxa como combustible) ou funcional (utensilios de óso, barbas, tendóns, etc).

Os vascos, de Iparralde e Hegoalde, foron pioneiros na caza comercial de baleas primeiro no Cantábrico (s. XI) e despois en toda a costa atlántica Ibérica, así como nos territorios transoceánicos de Terranova e Labrador (s. XIII a XVI).

Considérase que a balea franca do Atlántico Norte (Eubalaena glacialis), ou balea vasca, foi a principal especie obxectivo das flotas baleeiras neses séculos, aínda que outras especies de baleas poderían ser tamén obxectivos ocasionais.

Estudo xenético das baleas antigas

No ano 2014 a CEMMA puxo en marcha o proxecto «Galicia no lombo da balea», financiado polo GALP-7 Ría de Vigo-A Guarda, que incluía un estudo baseado na procura e recollida de mostras de ósos de baleas procedentes da caza antiga (época medieval e moderna entre os séculos XIII-XVIII), para identificar as principais especies obxectivo no Cantábrico.

Recolección de mostras, extracción, amplificación e secuenciación de ADN

Un total de 527 mostras de ósos de baleas foron localizadas e recollidas en museos, coleccións privadas e nas campañas de mostraxe subacuática, labor coordinada por Jose Antonio Martínez Cedeira, biólogo, mergullador e Presidente da CEMMA, durante a primavera e verán de 2014. Dese universo mostral foi seleccionado un subconxunto de 72 mostras, representativas de todos os portos mostrexados, para proceder a un estudo xenético que desvelara que especies foron o principal obxecto da caza na época da caza antiga. Probablemente, algúns deses ósos, procedentes de baleas mortas hai máis de 400 anos, foron depositados baixo o mar. Aínda así, foi obtido o ADN de case todos eles.

A extracción de ADN e análise xenético foi realizado por Alba Rey e Paula Campos, do CIIMAR, Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental, Universidade do Porto; e Centre for Geogenetics no Museo de Historia Natural de Dinamarca, Universidade de Copenhague, unha institución especializada en estudos xenéticos a partir de mostras potencialmente degradadas, como estas de orixe arqueolóxico, e que son particularmente delicadas.

Ademais contouse coa contribución neste traballo dos especialistas en mamíferos mariños: Ruth Fernández e Alfredo López.

Identificadas 50 baleas

O resultado permitiu obter ADN do 97,2% das mostras e identificar tres especies diferentes: 68 mostras de balea franca do Atlántico Norte (Eubalaena glacialis), unha mostra de balea cincenta (Eschrichtius robustus), e outra de balea xibarte (Megaptera novaeangliae). Dentro da balea franca identificáronse nove haplotipos diferentes da rexión de control do ADN mitocondrial. Baseado en haplotipos e localización xeográfica, o número mínimo ofrece un resultado 27 exemplares de balea franca, mais, cando se corrixe polo tipo de óso, o número aumentou 48 individuos de balea franca ademais dos exemplares de balea cincenta e xibarte

Filoxenia e análise xenética poblacional

Este estudo aporta novas secuencias de ADN mitocondrial dos 48 individuos únicos de balea franca do Atlántico Norte. Ademais, a secuencia de balea cincenta obtida constitúe un novo haplotipo, en comparación con outras secuencias publicadas desta especie de baleas. Esta nova información xenética esta a disposición de futuros estudos científico en bases de datos de libre acceso.

Os resultados confirman que a balea franca do Atlántico Norte foi a principal especie obxectivo nas costas Ibéricas, suxerindo que a caza directa podería ter desempeñado un papel importante na extinción da especie.

O estudo realizado confirma o potencial deste tipo de material e a necesidade de levar a cabo novas campañas de mostraxe arqueolóxica subacuática, ademais de continuar analizando o material de coleccións para caracterizar xeneticamente as baleas cazadas tanto na época da caza antiga (s. XIII-XVIII) como na época da caza contemporánea (s. XX), no último período baleeiro en Galicia.

Tamén remarca o potencial deste material para inferir a diversidade xenética previa ao inicio da caza baleeira nestas poboacións.

Agradecementos

A todos os museos (Museo Massó (Bueu), Museo da Natureza SGHN (Ferrol), Museo Provincian do Mar (San Cibrao), Museo Marítimo de Asturias (Luanco), Museo Acuario Centro de Experimentación Pesquera de Asturias (Gijón), entidades (Asociación MAriña Patrimonio) e coleccionistas privados que nos permitiron recoller mostras das súas coleccións. Ao CAS Costa Lugo, Estación de Bioloxía Mariña da Graña-Universidade Santiago de Compostela, ADEGA e voluntariado da CEMMA por participar nas campañas de mostraxe subacuática. Ao Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro-GALP Vigo-A Guarda que financiou o traballo de localización e recollida de mostras.