Anuncios
Ticker de novas

Persoas con discapacidade de Gondomar participan nun curso de auxiliar de servizos de COGAMI

A aula de formación que ten COGAMI en Vigo (rúa Teixugueiras, nº 15 baixo) é o lugar onde, a partir deste luns 2 de abril, se está a impartir o curso de Auxiliar de Servizos que vén de iniciar a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade.

Esta formación, que financia a Consellería de Política Social dentro do Proxecto nº2 de Formación en Habilidades para o Emprego nas provincias de Ourense, Pontevedra e Lugo, consta de 120 horas lectivas que se imparten en horario de 15:30 a 20:30 horas ata o día 4 de maio, e está dividida nos seguintes módulos: instrumental, xurídico, socioprofesional e técnico profesional.

O curso inicia con 12 persoas, todos homes, con certificado de discapacidade ou incapacidade laboral para profesión habitual, que proceden dos concellos de Vigo, A Guarda, Tomiño, Porriño, Redondela, Mos e Gondomar. O obxectivo xeral desta acción formativa é formar ao alumnado no perfil profesional de auxiliar de servizos. Para elo, aprenderán a manexar sistemas operativos informáticos, follas de cálculo, procesador de texto, mecanografía e Internet, ademais de adquirir coñecementos básicos de lexislación, comunicación e primeiros auxilios.

COGAMI proporciónalle ao alumnado as destrezas profesionais que lle permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo, co fin de acadar a plena participación social e laboral. Todas as persoas que iniciaron este curso estaban apuntadas no servizo de emprego que ten COGAMI, un servizo que conta arestora con 4.558 persoas inscritas na comarca de Vigo, 2756 homes e 1802 mulleres.

PERSOAS CON DISCAPACIDADE DE GONDOMAR PARTICIPAN NUN CURSO DE AUXILIAR DE SERVIZOS DE COGAMI

Anuncios