Sin categoría

Desde o Terra de Turonio de Gondomar a Europa

O ciclo profesional “Actividades Físico-Deportivas no Medio Natural” que se imparte no IES Terra de Turonio de Gondomar está a levar ao alumnado a facer prácticas en empresas de toda Europa grazas ao programa «Practicum Depo-Erasmus+» que desde o curso 2016/17 está a desenvolver a Deputación de Pontevedra.

Practicum Depo é un proxecto que se lle concedeu á Deputación de Pontevedra no programa Erasmus+, dentro da acción clave 1 «Mobilidade das persoas por motivos de aprendizaxe» e, en concreto, para «Proxectos de mobilidade para beneficiarios/as de ensinanzas de FP».

Esencialmente permite que, tanto alumnado do ciclo como profesorado, teñan a oportunidade de realizar prácticas e formación en países da Unión Europea.

O obxectivo do proxecto é proporcionar ferramentas e favorecer estratexias que faciliten ao alumnado a inserción laboral noutros países da UE, aumentar as oportunidades de formación no estranxeiro do alumnado de Formación Profesional, e proporcionarlle as habilidades necesarias para a súa transición do ámbito da educación e a formación ao mercado laboral.

Erasmus+ 2017-2018

Para poder participar no programa, o alumnado debe pasar unhas probas de selección para cubrir as prazas que se ofertan. Neste momento o IES Terra de Turonio é o centro que máis prazas está ocupando.

No curso pasado Sara Comesaña Abalde, Diego Míguez Viana e Pablo Fontán Rodríguez participaron no Erasmus+ durante 6 meses na campaña de verán do 2017.

Sara e Diego estiveron na empresa Vivere l´Aniene de Subiaco (Roma) en Italia e Pablo na empresa Indomita Valtellina River Rafting & Outdoor Adventures de Castione Andevenno tamén en Italia.

No presente curso, e ata o mes de xuño están neste programa os seguintes alumnos:

  • Lucía Fernández Rodríguez na empresa GoldenBay Horse Riding (Golden Bay – Melihea) en Malta, que está a facer rutas a cabalo pola illa e todos os coidados equinos na empresa.
  • Álex Coello Álvarez na empresa Diver Lanhoso en (Oliveira-Povoa de Lanhoso) de Portugal, na que está a facer, salto pendular, ferratas, escalada, paintball, 4×4, rafting, barranquismo, salto negativo, rutas de sendeirismo, etc
  • Zaida González Martínez e Camila Lorenzo López na empresa Vivere l´Aniene en Subiaco (Roma) Italia, na cal están a facer rutas de montaña, rutas con raquetas por neve, barranquismo, rafting, escalada e boulder.
  • Sara Pérez Lodeiro e Judith Pastoriza Portela na empresa Treking & Paddels de Controne (Nápoles) en Italia, na cal están a facer rafting, kaiak, rappel e barranquismo.

En varios casos, despois de realizar esta formación, algúns destes alumnos xa se incorporan a estas empresas a traballar. É o caso de Lucía e Álex, a quen lles ofreceron xa traballo antes de rematar a estadía de Erasmus. Xa teñen acordo para a campaña de verán alí na mesma empresa.