O Club Ciclista Rías Baixas preséntase antes do seu fin de semana máis intenso

O renovado Club Ciclista Rías Baixas vístese de gala. Este venres, a partir das 20:30 horas, o Parador de Baiona acollerá a presentación oficial do proxecto impulsado por José Luis Chamorro para este 2018. Un acto que se celebrará na véspera dun fin de semana cargado de carreiras. A estrutura do Val Miñor disputará o sábado a Clásica de Pascua, mentres que o domingo participará no Memorial Valenciaga e no Gran Premio Ciclista Cuéllar.

Para a súa sexta tempada como conxunto Elite e Sub23, o Club Ciclista Rías Baixas efectuou unha remodelación case por completo do seu persoal. O salmantino Iván Rodríguez asumiu as rendas da dirección deportiva e o equipo conta con tres xefes de filas que a pasada campaña competían no campo profesional: Antonio ‘Chava’ Angulo, Francesc Zurita e David Galarreta.

Autoridades, patrocinadores e simpatizantes desta entidade terán a oportunidade de coñecer de preto a todas as caras novas nunha festa que, un ano máis, volve ter como maxestuoso escenario o Parador de Baiona. Ao termo da presentación, ofreceranse petiscos e un viño a todos os asistentes.

Aliñacións

Ao día seguinte, o equipo fará o seu debut esta campaña nas estradas galegas. A Clásica de Pascua, na localidade coruñesa de Padrón, abre o calendario autonómico e a Copa Galicia Elite e Sub23. Esta proba alcanza a súa 56ª edición e tamén é puntuable para o ránking da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC).

Angulo e Zurita estarán á fronte dun bloque que completan Óscar Justo, Iván Arribas, Jorge González, Andrés Abal, Rafael Pereira e Jaime Guzmán. O bandeirazo inicial está fixado para as 12:00 horas e os corredores deberán completar 125 quilómetros que inclúen seis ascensións puntuables.

Con esta mesma aliñación o Club Ciclista Rías Baixas desprazarase o domingo ata a provincia de Segovia para tomar a saída no LX Gran Premio Ciclista Cuéllar. A ‘Clásica da Costeleta’, con puntos en xogo para o ránking RFEC en xogo, presenta un percorrido de 159 quilómetros.

Outros sete ciclistas da formación miñorana teñen cita o domingo en Euskadi co prestixioso e esixente Memorial Valenciaga. Os elixidos para disputar os 167,5 quilómetros da cuarta xornada puntuable da Copa de España son David Galarreta, Cristian Cuervo, Jaume Bonnin, Ignacio Zamanillo, Sergio Álvarez, Antonio Barbero e Adrián Escobar.