A Mancomunidade do Val Miñor adxudicará o servizo da piscina da Ramallosa á empresa Serviocio Cultura, Deporte e Recreacións SL, ao resultar gañadora na oferta pública de contratación respecto das outras dúas licitadoras que concorreron ao proceso: Bpxport Kirol Zerbitzuak SLU e FCC Aqualia SA.
Serviocio SL, a empresa que actualmente presta o servizo, é a gañadora do proceso de licitación despois de ofertar un canon do 12% da facturación anual da concesión, respecto de BPXPORT que ofertou o 4% e FCC Aqualia o 8%. De igual maneira Serviocio SL, resultou ser a mellor oferta despois da valoración final dos sobres A e B, con 58,20 puntos respecto dos 43,35 de FCC Aqualia e os 30,31 de BPXPOT.
A adxudicación do servizo, que ascende a 5.134.518,33 euros máis IVE, será por cinco anos sen posibilidade de prórroga. A contratación corresponderá á Xunta da Mancomunidade, que será a que este mércores día 4 na súa sesión ordinaria inclúe na Orde do Día o requirimento a Serviocio SL, por un prazo de dez días, para a presentación da documentación acreditativa da súa finalidade e organización, solvencia técnica, financeira e profesional, etc., e a súa capacidade de obrar como empresario. Unha vez acreditada será novamente a Xunta da Mancomunidade como órgano contratante quen adxudique o servizo.
A concesionaria entrante terá a obrigación no prazo improrrogable de tres meses de elaborar un plan de limpeza e mantemento hixiénico sanitario, outro plan de emerxencias e evacuación en dous meses e no inicio do servizo un plan de xestión, que inclúa a organización e funcionamento das instalacións así como das actividades técnico deportivas e recreativas, así como dotar as instalacións dunha serie de equipamentos adicionais que permitan polo menos manter o actual nivel de prestacións de servizos, mobiliario de oficina, equipamentos informáticos, accesos, e elementos imprescindibles para o correcto uso dos vestiarios e para a impartición dos distintos cursos e actividades, máquinas de ximnasio e resto de material funxible.
Paco Ferreira, como Presidente da Mancomunidade do Val Miñor, asegura que “levaremos a cabo un control e seguimento exhaustivo do íntegro cumprimento de todos os requisitos contractuais, para que desde o primeiro instante o funcionamento da piscina mancomunada ofreza un servizo de máxima calidade e atención, por encima de calquera outro servizo paralelo na zona, creando se as circunstancias esixíseno unha comisión de seguimento ou a asignación da figura dun inspector administrativo que vele polo íntegro cumprimento do servizo”.

