Anuncios
Ticker de novas

Un equipo xaponés visita Baiona para coñecer as técnicas de xogo do Baíña Fútbol Sala

O Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, e o Concelleiro de Actividades Marítimas, Raúl Costas, recibiron esta mañá ao equipo de fútbol sala Bork procedente do Sur de Xapón. O equipo xaponés atópase estes días na Vila realizando unhas xornadas de convivencia co Baíña Fútbol Sala.

Durante a recepción, o Alcalde fixo entrega ao adestrador do equipo, Motohori Baba, dun agasallo institucional con forma de Carabela Pinta para que o equipo leve un bonito recordo da Real Vila ao seu país.

“Este intercambio ademais de ser importante no ámbito deportivo tamén contribúe ao enriquecemento cultural e de idiomas entre xogadores de ambos os dous equipos, ao mesmo tempo que os xogadores xaponeses teñen unha oportunidade para coñecer a nosa vila”, comentou Rodal.

O Alcalde e o Concelleiro deron a benvida aos mozos resaltando a importancia destes proxectos internacionais, xa que á parte de servir para intercambiar técnicas de xogo, así mesmo serven para dar a coñecer Baiona no exterior, concretamente en Xapón.

Ata Baiona viaxaron desde Xapón 10 xogadores, 2 técnicos, e 2 directivos. Na recepción no Salón de Plenos xunto a eles tamén estaban Javier Rubinos, Presidente do Baíña Fútbol Sala, e Santiago Rodríguez, adestrador do equipo.

Ambos os dous equipos realizaron conxuntamente un adestramento no Pavillón Municipal de Deportes onde intercambiaron métodos e técnicas de xogo. Ademais deste intercambio deportivo, paralelamente tamén están a vivir un intercambio cultural e de idiomas.

O equipo de fútbol sala Bork está a realizar unha xira de pretempada polas nosas terras. Trátase dun equipo profesional de 2ª división xaponesa. Nos últimos anos o fútbol sala está a experimentar un impresionante crecemento no continente asiático, por este motivo os xaponeses decantáronse por vir coñecer en primeira persoa o xogo deste deporte en España, un dos países con gran tradición neste terreo de xogo, e non hai mellor anfitrión que o do Baíña Fútbol Sala para dar a coñecer todos os métodos deste deporte.

“É un pracer para nós acoller a todo o equipo e intercambiar experiencias. Fainos moita ilusión que veñan desde tan lonxe para coñecer a nosa forma de xogo”, comentou Santiago Rodríguez, adestrador do Baíña Fútbol sala.

Anuncios