O Concello de Gondomar clausurou este martes o primeiro dos cursos de operador/a de carretillas elevadoras, cunha duración de 30 horas das que 20 son prácticas, que organiza a Concellería de Xuventude co obxectivo de ampliar as opcións laborais dos máis novos.
No curso, que se desenvolveu no CDL do 12 ao 27 de marzo en horario de tarde, participaron 15 persoas, que recibiron de mans do alcalde, Paco Ferreira, e a concelleira de Xuventude, Nuria Lameiro, o diploma que acredita a súa formación.
O obxectivo do curso é capacitar aos asistentes no manexo da carretilla, formar na prevención de danos e degradacións do material transportado e transmitir un conxunto de boas prácticas.
Ante a gran demanda de solicitudes recibidas, para así poder dar resposta a un maior número de mozos e mozas, realizarase un segundo curso do 3 ao 18 de abril.




