UCN acusa ao alcalde de ser o responsable do cobro de atrasos no IBI

O portavoz do partido independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, lamenta a confusión que está a provocar o alcalde entre os veciños afectados pola regularización catastral levada a cabo polo Ministerio de Facenda a través da Dirección Xeral do Catastro, regularización efectuada ao longo dos dous últimos anos.

Agora a Deputación, mediante o seu servizo de xestión e recadación ORAL, comezou a pasar as correspondentes liquidacións con carácter retroactivo desde o ano 2014. Os veciños afectados non soamente terán que pagar catro exercicios xuntos (2014, 2015, 2106 e 2017), senón que tamén, no mes de outubro deberán pagar o ano 2018.

“Pretende desviar a atención e confundir aos veciños ao querer culpar do seu cobro ao Catastro, cando a única responsabilidade é exclusivamente do propio Concello, e polo tanto do seu alcalde, a pesar de que o cobro realíceo a Deputación mediante o ORAL, por delegación do propio Concello”, lembra Fernández Comesaña.

UCN entende que o primeiro que tería que facer o alcalde é informar da situación aos veciños, colgando na súa sede electrónica información veraz, e advertir que as comunicacións que están a recibir os veciños mediante correo ordinario son meramente informativas, mesmo coa posibilidade de recorrer, de existir erros, a pesar de que inclúen prazo para efectuar o ingreso de forma voluntaria.

UCN lembra que ao tratarse de liquidacións por ingreso directo, teñen que forzosamente ser notificadas mediante carta certificada que acredite a súa recepción, situación que terá que producirse con posterioridade, e ademais, o Concello debería organizar co ORAL un servizo de información adicional para os afectados, así como a posibilidade de fraccionamento de pago, cousa que o alcalde aínda non fixo.

UCN non comparte que se acorden amnistías fiscais, xa que con motivo da regularización catastral afloraron máis de 2000 unidades urbanas que non estaban a tributar, e que aínda que a lei obriga a cobrar unicamente o últimos catro anos, con todo, a maioría das altas detectadas polo Catastro teñen unha antigüidade superior a 10 anos, polo que aínda deixan de pagar impostos polos seis anos restantes, “dito así parece que non ser politicamente correcto, pero é a realidade. Que poderán pensar os máis de 12 mil contribuíntes que levan pagando a contribución (IBI) de forma puntual e responsable e ver como agora o alcalde pretende amnistiar a aqueles que non cumpriron coas súas obrigacións fiscais?”.

Fernández Comesaña lembra ao alcalde e tamén Deputado Provincial, que debería ser coñecedor das competencias tanto do Concello como do ORAL, e senón que lle pregunte ao Sr. Font, xa que recentemente saíu publicado en prensa ante idéntica situación dun concello veciño -gobernado polo PP- sinalando que o ORAL se limita «a facer a recadación a petición do propio concello» e no mesmo instante no que o seu alcalde nos de a instrución de paralizar a recadación dos impostos derivados desta regularización farémolo sen ningún tipo de obxección».

Neste sentido, lembraba o Deputado Provincial, que o procedemento foi posto en marcha polo Goberno de España «sen que mediase queixa formal algunha do Concello e do seu alcalde» e cualifica de «lamentable que se tente confundir á cidadanía sobre as responsabilidades deste procedemento recadatorio». Polo que a mesma receita que propugna o Sr. Font podería ser válida tamén para o alcalde Juan González, advirte o portavoz independente.

Anuncios