Podemos Nigrán insta o Goberno Local á creación dun programa de adaptación ao cambio climático

O cambio climático causado polo incremento de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEIs) asociadas ás actividades humanas é inequívoco. Os modelos climáticos, tanto os globais como os de escala rexional, prevén un aumento nas temperaturas, a redución das precipitacións e maior frecuencia e intensidade de fenómenos climáticos extremos. Neste contexto, ademais de intervir reducindo as emisións, é importante anticipar mecanismos para a adaptación dos municipios aos cambios que se producirán así como para aumentar o seu resiliencia ou capacidade de resistencia e resposta a este tipo de perturbacións.

Entre todos os efectos do quecemento global, un dos máis importantes no Concello de Nigrán é a incipiente erosión costeira, debido á frecuencia e intensidade dos eventos climáticos extremos, por un lado o aumento do nivel do mar, por outro, que provocan a alteración da rexeneración natural das praias.

O Concello de Nigrán, como entidade integrada do denominado “pacto dos alcaldes”, no que participan 271 concellos de toda Galicia, comprometeuse co cumprimento da Axenda 2030, impulsada pola ONU en 2015. Ademais da elaboración do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES), que implica a redución das emisións de GEIs para 2030, a administración local ten competencias en diversos ámbitos relacionados directamente co establecemento de medidas de adaptación aos efectos producidos polo cambio climático, e por iso desde Podemos Nigrán solicitan a elaboración dun plan estratéxico local para a adaptación ao cambio climático, que siga as seguintes pautas:

– Creación dun consello coordinador. No que participen diferentes sectores como asociacións veciñais, entidade encargada da subministración de auga, persoal experto (biólogos, xeólogos), colectivos de defensa medioambiental, representantes do sector empresarial (especialmente do sector da pesca e do turismo).

– Identificar os impactos máis probables asociados ao cambio climático.

– Identificar os ámbitos prioritarios de actuación do concello.

– Establecer obxectivos de adaptación.

– Definir as accións para a adaptación.

– Establecer un sistema de avaliación e seguimento.

– Comunicación á cidadanía de todo o proceso.

A agrupación local sostén que se deben facer políticas ambiciosas e eficaces para contrarrestar as posibles consecuencias ambientais, socioeconómicas e de saúde a causa do quecemento global.