Conclave de emprendedores en Porto do Molle

Unha vintena de emprendedores demostraron este sábado fronte ao Comité Técnico de ViaGalicia o potencial dos seus proxectos de emprendemento, co obxectivo de formar parte da selección de iniciativas que serán aceleradas por este programa impulsado polo Consorcio Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia.

O evento, celebrado no Centro de Negocios de Porto do Molle, foi inaugurado por Francisco Conde, conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, e pola delegada especial do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa. Conde, na súa intervención, resaltou “o carácter pioneiro e o traballo de ViaGalicia, grazas ao cal se puxeron en marcha 52 empresas que xeran xa máis de 300 empregos”, e destacou tamén “a aposta que a Xunta está a facer por situar a Galicia como referente no apoio ao emprendemento innovador a través da rede galega de aceleradoras –á que pertence ViaGalicia-, e que xa apoiou 600 iniciativas”.

Pola súa banda, Teresa Pedrosa, resaltou “a orixinalidade e o carácter escalable e acelerable de todos os proxectos”, o que fará moi difícil, asegurou, o traballo do comité técnico que deberá seleccionar os proxectos. Neste sentido, quixo felicitar a todos os participantes, e a súa disposición a que “en colaboración coa Xunta de Galicia e con todas as institucións que colaboran con ViaGalicia, a Zona Franca de Vigo siga axudando aos emprendedores para desenvolver os seus proxectos e crear emprego”.

Durante cinco minutos, cada equipo presentou a súa proposta de valor e o seu modelo de negocio, para pasar despois a responder todas as preguntas do Comité Técnico, encargado de seleccionar un máximo de quince iniciativas, elixidas entre os proxectos de Lugo, cuxo Demo Day tivo lugar o venres, e os de Vigo.

Nesta quinta edición, os vinte proxectos que participaron na fase de Academia de Vigo proceden de sectores moi diversos: desde proxectos de artesanía e deseño, pasando polas TIC, finanzas ou medicina, ata iniciativas relacionadas co sector aeroespacial, o son, o deporte ou a agroalimentación. Todos eles recibiron, ao finalizar o encontro, o diploma que acredita o finalizar a fase de pre-aceleración, e a selección final coñecerase o próximo 5 de abril.

Este encontro pon o punto e final á fase de Academia, na que os emprendedores puideron validar as súas hipóteses de partida e definir e valorar o seu modelo de negocio, a través dos obradoiros e actividades realizadas xunto ao equipo de titores e mentores de ViaGalicia.

Quinta edición

Cun orzamento de 2,65 millóns de euros para a súa quinta convocatoria, á que se presentaron máis de 200 iniciativas, ViaGalicia apoia con este programa de aceleración a proxectos de negocio a través de formación, asesoramento, mentoring, espazos de traballo e financiamento. Deste xeito, poderán obter ata 125.000 euros en axudas directas e de capital risco.

Sobre ViaGalicia

ViaGalicia é unha aceleradora impulsada polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia, cuxo obxectivo é apostar por proxectos innovadores, acelerables e invertibles a través da súa participación nun amplo programa de formación, mentoring, coworking e financiamento. Desde a súa posta en marcha en 2013 e ata a súa cuarta edición, ViaGalicia, con 6 millóns de euros de investimento, recibiu máis de 870 propostas de negocio, impulsando máis de 120 proxectos, dos que máis de 52 convertéronse en empresas, e xerando máis de 300 empregos novos.