A Deputación de Pontevedra súmase á Hora do Planeta apagando as súas luces durante unha hora

A Deputación de Pontevedra sumarase este sábado á nova campaña da “Hora do Planeta”, promovida todos os anos pola organización sen ánimo de lucro pola defensa da natureza e do medio ambiente WWF e secundando a convocatoria que fixo a FEMP a todos os entes locais do Estado. A iniciativa ten por obxectivo amosar o apoio da cidadanía, das entidades, dos concellos e demais institucións públicas, así como das empresas, á loita conxunta contra o cambio climático a través do xesto simbólico de apagar as luces durante unha hora. Neste caso o apagón será dende as 20.30 horas ata as 21.30 horas.

Os efectos do cambio climático sobre a natureza son moi visibles: temperaturas cada vez máis altas, prolongadas secas, fenómenos meteorolóxicos extremos. O cambio climático é unha das principais causas da perda de biodiversidade e por iso a Deputación, novamente, decidiu sumarse este ano á campaña. No pasado ano, 2017, millóns de cidadáns, miles de empresas e entidades de todo o mundo, 187 países e 7.000 cidades sumáronse á “Hora do Planeta”. Este ano, a WWF pretende volver a mobilizar a máis de 7.000 cidades do mundo para demostrar o apoio global á acción contra o cambio climático e en favor da biodiversidade.

A “Hora do Planeta” naceu fai 11 anos, en Sidney, como xesto simbólico para chamar a atención sobre o problema do cambio climático. Apagar as luces de fogares, edificios e monumentos emblemáticos durante unha hora foi a sinxela acción que despois artellaría un crecente movemento mundial pola defensa do planeta.

Anuncios