Galicia en Danza consegue 10 premios no Dance Worldcup Spain 2018

FOTO: GALICIA EN DANZA // As 26 bailarinas e bailaríns preparados para a coreografía "Río".

A escola de baile Galicia en Danza de Baiona, con 26 bailarinas e bailaríns e 25 coreografías dirixidas polas súas profesoras Sheila e Álida Loira Ferradás, acaban de conseguir un total de 10 premios e 1 bolsa para competir en Italia no Dance Worldcup Spain 2018 celebrado no Palacio de Congresos e Auditorio Fórum Evolución de Burgos do 15 ao 18 de marzo.

Tres das coreografías premiadas levaron un ouro, “Tempos de Guerra” e “Queda Prohibido” en contemporáneo e “Song&Dance” en canto, na que colaborou o profesor Pablo Leyenda (Donpol de Ganjahr Family). Outras tres conseguiron a medalla de prata na modalidade de jazz, e dous a de bronce, unha en contemporáneo e a segunda en folclore. Ademais, dúas coreografías foron galardoadas cun cuarto premio, clasificadas tamén para o mundial, en jazz e ballet. Unha delas, “Río”, na que participaban as 26 bailarinas e bailaríns, polo que todos poderán viaxar á gran final.

Finalmente, a coreografía “Remember My Name”, segundo premio en jazz, valeulles tamén para conseguir unha bolsa para participar na semifinal do Vetrina Coreografica dei Danza Città dei Olbia, que se celebrará no Teatro Porto Rotondo da cidade italiana do 18 ao 22 de xullo.

As coreografías clasificadas para o mundial participarán na Dance World Cup, que se celebrará do 22 ao 30 de xuño en Sitges.

Anuncios