Sergio Álvarez subiu ao podio en máis dunha ocasión este domingo na última xornada da Volta Isla de Tenerife. O ciclista do Vigo-Rías Baixas recolleu a camisola de mellor canario na xeral final, o de corredor máis combativo e o de segundo clasificado dunha etapa na que só o líder Adria Moreno (Aix en Provence) evitou o triunfo do representante da entidade presidida por José Luis Chamorro.
Despois do gran traballo colectivo realizado o día anterior polos pupilos de Modesto Pérez camiño do Teide, Álvarez buscaba entrar no Top-10 da xeral e non tardou en moverse no percorrido de 48 quilómetros que unía Santa Cruz coa Cidade dos Adiantados. Á altura do km 15 abandonou a disciplina do pelotón xunto ao líder e a dous corredores do Mutua Levante valenciano, Felipe Orts e Juan Eugenio Belandria.
A diferenza respecto ao grupo perseguidor situouse en torno ao minuto. A falta de 10 km para o final, Álvarez pasou encabezando a escapada pola Meta Volante do Socorro, pero pouco despois Moreno atacou na subida ao porto da Lagoa (2ª categoría) e coroou en primeira posición a ascensión situada a 5 km de meta. O líder levantou os brazos na Ciudad de los Adelantados con 28 segundos de vantaxe sobre o canario da formación flúor e Belandria entrou terceiro a 1:21.
Blanco, quinto na xeral
Dentro dos dez primeiros da etapa tamén concluíu Samuel Blanco. O xefe de filas do Vigo-Rías Baixas finalizou sétimo, a 2 minutos do gañador, e puido conservar a quinta praza na xeral. As diferenzas que se marcaron nesta última xornada permitiron a Álvarez meterse no Top-10 final ocupando o noveno posto.
Por equipos ao conxunto olívico correspondeulle a terceira posición completando os catro días de competición con outros tres corredores entre os 35 primeiros: Jaime Guzmán (28º), Alejandro Martínez Bayán (31º) e Alejandro de Rozas (32º). A próxima cita do calendario será a Volta Ciclista Provincia de València.

