Prata para David González e bronce para Cristian Suárez e Anxo Uzal no Campionato de España Cadete

FOTO: CLUB DE LOITA SABARÍS // Anxo, David e Cristian no Campionato de España Cadete.

O Pavillón Municipal dos Deportes da cidade de Pontevedra acolleu este sábado os Campionatos de España de Loitas Olímpicas nas categorías escolar e cadete. O Club de Loita Sabarís conseguiu tres medallas, unha por cada un dos seus representantes, e o quinto posto por equipos na categoría cadete entre un total de 24 clubs de todo o país, empatado a 50 puntos co cuarto, o CD El Campeón da Federación Andaluza, e sendo ademais o mellor club de Galicia.

David González proclamouse subcampión de España cadete en 48 kg, tras facerse coa medalla de prata. Anxo Uzal e Cristian Suárez levaron a medalla de bronce, en 65 e 71 kg respectivamente. O director do Club de Loita Sabarís, Juan López, destacou que a competición “foi durísima”. Cada un tivo que facer un mínimo de tres combates, e segundo o adestrador, “Anxo Uzal perdeu no último segundo porque lle estaban ameazando con expulsalo por sangrar polo nariz”. López recorda ademais que “perderon con rapaces que van a Campionatos de Europa” e “hai equipos de Valencia, Barcelona ou Madrid que levan entre 20 e 30 anos facendo loita”, polo que puxo en valor o quinto posto conseguido.

Os tres loitadores baioneses acudiron ao nacional tras proclamarse campións galegos o pasado 27 de febreiro no Pavillón Municipal de Santa Isabel en Santiago de Compostela, onde cada un deles conseguiu dúas medallas de ouro, unha en Loita Libre Olímpica e a segunda en Loita Grecorromana.

Os Campionatos de España 2018 tiveron un total de 175 inscricións de Deporte en Idade Escolar, como competición dependente do Consello Superior de Deportes, e de 200 inscricións na categoría cadete. En total foron 17 comunidades autónomas e 2 cidades autónomas as que se deron cita no nacional de Pontevedra, que se desenvolveu en 4 tapices oficiais de Loitas Olímpicas, de 12 x 12 metros.

A Selección Galega de Loitas Olímpicas acudiu con 42 deportistas, 7 seleccionadores, 3 delegados e 6 árbitros, sendo a comunidade con máis representación.