Sin categoría

Veciños de Nigrán analizan aceite de oliva nun obradoiro-cata

As investigadoras Raquel Mateos e Beatriz Sarriá, do Instituto de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Nutrición do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) ofreceron onte tarde e esta mañá o obradoiro-cata “O aceite de oliva, o ouro líquido do noso tempo” aos 40 veciños que se anotaron previamente no Concello e hoxe aos alumnos-traballadores do obradoiro de emprego Terras do Miñor e do CEE de Panxón, onde se desenvolveu a formación. Esta actividade solicitada desde o Concello de Nigrán enmárcase no proxecto de divulgación científica Ciudad Ciencia ao que está adherido o municipio desde 2017, unha iniciativa desenvolvida polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Obra Social “la Caixa” cuxo fin é que os habitantes de localidades españolas coñezan de primeira man a actualidade científica e tecnolóxica.

Os asistentes ao obradoiro recibiron información sobre os tipos de aceite dispoñibles comercialmente co obxectivo de discernir cal é o máis adecuado segundo o uso que se lle queira dar. Tamén se profundou na súa composición para coñecer os ingredientes que o fan único e proporcionan ese valor nutricional, a pesar de tratarse dun produto graxo. A actividade complementouse cunha cata de tres aceites de oliva virxe extra moi diferentes entre si, na cata abordáronse as fases olfativa, gustativa/retronasal e táctil, as características sensoriais (sabor, aroma e textura) e a descrición dos principais atributos negativos e positivos.