Sin categoría

Gondomar desactivou máis de 1.100 niños de vespa velutina nos últimos cinco anos

Dende que o Concello de Gondomar, no ano 2019, iniciase a súa loita contra a vespa velutina, son xa 1.118 os niños desactivados ata decembro do ano 2023. Así no 2019 foron 178 ás intervencións realizadas. No ano seguinte, como consecuencia da pandemia, reducíronse o número de intervencións, que no 2021 alcanzaron a súa cifra récord, con 293 niños desactivados. Nos seguintes anos, 2022 e 2023, a cifra mantívose en torno ás 250 intervencións anuais.

A pesar de tratarse dunha competencia autonómica, e non municipal, o Concello de Gondomar formou e equipou a un grupo de voluntarios que cada semana, e a demanda da veciñanza, percorre todas as parroquias para a desactivación e retirada dos niños. Ademais destas 1.100 intervencións directas do Concello, realizadas a través do servizo de voluntariado medio ambiental, repartíronse entre a cidadanía desde o ano 2020 máis de 1.000 trampas específicas para a loita contra esta especie asiática, que tantos estragos fai no noso ecosistema.

Xunto coa entrega destas trampas fixéronse diferentes charlas informativas para a súa correcta utilización, e está dispoñible un videotutorial na web municipal onde se explica de forma pormenorizada o correcto uso destes dispositivos.