Anuncios
Ticker de novas

Alerta laranxa por refachos de vento de 120 km/h e mar combinada de ata 8 metros

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar a alerta laranxa por temporal costeiro e de vento que afectará a toda a comunidade galega a partir desta noite.

Dende a Xunta ínstase á suspensión de todas as competicións deportivas ao aire libre na tarde do sábado nas provincias de Coruña e Pontevedra. Recoméndase non bañarse nin practicar deportes acuáticos ou náuticos. Aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a partir desta noite espérase temporal por mar combinada e de vento no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra, que se estenderá ao litoral da provincia de Lugo na madrugada do domingo, podendo acadar ventos do oeste de forza 9 e mar combinada de ata 8 metros. Lémbrase que todo o litoral galego está xa en alerta amarela. A coincidencia xeográfica deste fenómeno con outros por tormentas e choivas de nivel amarelo pode facer que acontezan anegamentos puntuais en zonas de costa do litoral.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións. Tamén os peiraos constitúen espazos de risco ante a alerta por fenómenos meteorolóxicos adversos. Nestes entornos, débense evitar os percorridos polas instalacións portuarias en especial en zonas de especial perigo como, diques de abrigo, espaldóns, escolleras, escaleiras de acceso aos diques e peiraos, entre outros. Do mesmo xeito, débense evitar percorridos en vehículos preto dos peiraos así como aparcar nos portos, na medida do posible.

É recomendable, ademais, non pasear preto dos bordos litorais, paseos marítimos e zonas próximas ao mar, sobre todo nas batidas polo vento. Tamén se recomenda non camiñar polas proximidades dos edificios portuarios, guindastres fixos ou automotor, así como, noutras edificacións que pola súas características construtivas poidan sufrir desprendementos nas súas estruturas exteriores tales como cubertas metálicas. Todos os medios do Servizo de Gardacostas de Galicia estarán en alerta para calquera incidencia que se poida producir a causa deste fenómeno meteorolóxico adverso.

Alerta por vento e choiva

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía, espéranse nas primeiras horas do sábado ventos do Sur-Suroeste con refachos que poden acadar os 120 qm/h e que afectarán ao noroeste, oeste e suroeste da provincia da Coruña e ás Rías Baixas e interior da provincia de Pontevedra. A partir da madrugada do domingo estenderase á Mariña de Lugo, interior da provincia da Coruña e á zona do Miño, na provincia de Pontevedra. No resto da comunidade haberá alerta amarela por vento con refachos de ata 90 qm/h.

Ademais, espérase mañá pola tarde alerta amarela por choivas no suroeste da provincia da Coruña e en toda a provincia de Pontevedra, con precipitacións acumuladas en 12 horas de 40 mm. O episodio prolongarase o domingo con acumulacións que poden alcanzar os 180 litros entre os dous días. A coincidencia xeográfica deste fenómeno con outros por tormentas e costeiros, pode facer que acontezan anegamentos puntuais en zonas de Pontevedra e no suroeste e oeste da Coruña.

A Xunta recomenda evitar os desprazamentos, en todo caso, antes de coller o coche, consultar o estado das estradas. Recordar que co vento o mobiliario urbano puido terse desprazado e os restos de árbores e pólas que puideron caer á vía poden condicionar a circulación. Non empregar vehículos lixeiros, como bicicletas ou ciclomotores. Afasterse de edificios ruinosos, árbores, paneis publicitarios, estadas e obxectos que sexan susceptibles de desprazarse co vento Retirar das fiestras, dos balcóns e dos tellados calquera obxecto que poida caer á rúa. Lembrar que o efecto de arrastre das chuvias pode provocar o desprendemento de terra

Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Anuncios