Castro e Ladeira solicítalle ao Concello a creación dun Parque Biosaudable en Sabarís

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Parque biosaudable na Palma.

A Asociación de Veciños Castro e Ladeira de Sabarís reuniuse este venres co Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, para solicitarlle a creación dun Parque Biosaudable. “É un proxecto que temos en mente dende fai anos e queremos saber se o Concello está disposto a facelo”, afirma Martín Otero, presidente do colectivo.

“Quixemos ir un pouco máis aló presentando o anteproxecto dun Parque Biosaudable adaptado para discapacitados, propoñendo ademais tres posibles situacións para o mesmo”, expón Martín. Dito anteproxecto, encargado pola Asociación ao seu socio e arquitecto Pedro González, consta de 5 aparatos, todos adaptados, e custaría non máis de 20.000 €. Segundo o representante da Asociación, “Baiona vai recibir preto de 925.000 € do Plan de Concellos, polo que a creación deste parque só lle suporía un dous por cento do total”.

Martín quere recordarlle ao Concello que “Sabarís é a única parroquia sen Parque Biosaudable, igual que somos os únicos sen Centro Social. Sabarís está cansa de ser a última en todo, agás en recadación, xa que ao ser a primeira parroquia de Baiona en número de habitantes somos os que máis enchemos as arcas públicas”.

Por último, o presidente do colectivo quixo deixar claro que “este proxecto nin substitúe nin ten nada que ver co Centro Social, é un proxecto novo. Polo Centro seguiremos pelexando ata que se faga, estamos moi cansos de promesas incumpridas”.