Anuncios
Ticker de novas

As mulleres do goberno da Deputación de Pontevedra lideran o paro na folga do 8 de marzo

A presidenta da Deputación de Pontevedra, xunto ás deputadas provinciais, mulleres do goberno e funcionarias da institución provincial sumáronse á folga de mulleres convocada con motivo do Día Internacional da Muller. O acto central da folga tivo lugar ás 12.00 h, cando máis dun centenar de mulleres concentráronse nas portas do Pazo Provincial nun acto reivindicativo no que Carmela Silva leu o manifesto que elaborou ela mesma para reivindicar os dereitos das mulleres e denunciar a fartura ante as discriminacións que están a sufrir.

No seu manifesto, Carmela Silva denunciou “que as mulleres non queremos vivir nun mundo no que a fenda salarial entre mulleres e homes, en Galicia, é do 22%, é dicir, para percibir o mesmo salario que os homes por facer o mesmo traballo as mulleres galegas teríamos que traballar 71 días máis. Nun mundo no que as nosas pensións son 40 puntos por debaixo das dos homes. Nun mundo no que, pese á nosa preparación, pese ás nosas cualificacións, non quere vernos en situacións e postos de poder”. A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén ofreceu datos obxectivos de todos os eidos da sociedade no que as mulleres están infrarepresentados e criticou a invisibilización de mulleres que tanto teñen aportado a humanidade, incluso nos libros de texto onde as mulleres tampouco están representadas da maneira que merecen segundo reflexa a realidade.

A presidenta da Deputación, na súa reivindicación, tamén quixo explicar que “este movemento das mulleres persegue construír unha sociedade para todas e todos” e que “queremos un sistema no que teñamos os mesmos dereitos cos homes: mesmos dereitos salariais e laborais, mesmas posibilidades de estar nos postos de dirección, mesma liberdade para elixir a nosa identidade e liberdade sexual, mesma capacidade para desenvolver as nosas profesións, que as actividades de coidado sexan compartidas por homes e mulleres, que se arranque das nosas sociedades as violencias machistas que padecemos.”

No remate da súa intervención, na que citou a importantes activistas feministas como Elizabeth Cady Stanton, Audre Lorde, Flora Tristán, Emmeline Pankhurst o Rosalía de Castro, exclamou que hai centos de razóns para facer esta folga e que “este 8 de marzo vai quedar na memoria da humanidade como o día no que as mulleres decidiron alzar a voz e ser protagonistas da loita pola igualdade, que tanto ben lle fará á humanidade.

A axenda da presidenta para este xoves 8 de marzo estivo totalmente baleira de compromisos oficiais para así asistir aos actos e concentracións que tiveron lugar en Vigo e Pontevedra con motivo deste Día Internacional da Muller.

MANIFESTO 8 DE MARZO

“CUBRIR O PLANETA COA PALABRA IGUALDADE”

Esta folga do 8 de marzo é un canto de igualdade e liberdade para a humanidade.

É unha folga necesaria, imprescindible.

É unha mostra do que xa non estamos dispostas a vivir nun mundo que non conta con nós.

Un mundo no que a fenda salarial entre mulleres e homes, en Galicia, é do 22%, é dicir, para percibir o mesmo salario que os homes por facer o mesmo traballo as mulleres galegas teríamos que traballar 71 días máis.

Un mundo no que as nosas pensións son 40 puntos por debaixo das dos homes.

Un mundo no que, pese á nosa preparación, pese ás nosas cualificacións, non quere vernos en situacións e postos de poder. De feito, se atendemos ás diferentes ocupacións e sectores, os datos son arrepiantes…

– O 52% das persoas na carreira xudicial son mulleres e, sen embargo, somos minoría na cúpula xudicial, concretamente, o 11,6% no Tribunal Supremo. Por non dicir que as mulleres que se dedican á avogacía ingresan un 20% menos que os homes e soamente o 16% das persoas socias en bufetes son mulleres.

– No sector da cultura a desigualdade entre mulleres e homes é unha evidencia máis do dominio patriarcal, cunha desproporción que chega a traducirse en porcentaxes do 90% para os homes fronte ao 10% para mulleres.

– ¿E que dicir dos premios?

O 62% das teses de doutoramento son realizadas por mulleres e, sen embargo, os premios Nobel dende 1901 galardoaron soamente a 18 mulleres fronte a 581 homes, é dicir, un 3% dos premios recaeron en mans femininas.

E, en 40 anos de Premios Otero Pedrayo ata este ano, con Margarita Ledo, non se tiña premiado a ningunha muller.

– No xornalismo, onde as mulleres somos o 64% das persoas graduadas e, sen embargo, ocupamos o 10,9% dos postos directivos dos medios e a nosa voz soamente ten presenza no 20% das columnas de opinión.

– Tamén temos presenza residual no poder. En Galicia hai 4 mulleres nun goberno de 11 conselleiros e o 11,7% dos concellos están gobernados por alcaldesas. Soamente hai unha presidenta dunha Deputación, a primeira en 40 anos…

– E na administración pública, na cúpula do funcionariado, as mulleres soamente ocupamos o 23% dos postos de responsabilidade no Estado.

– ¿E que dicir do papel da muller na empresa? Pese a ser o 58% das persoas que nos graduamos en carreiras universitarias, pese a ter os mellores expedientes académicos, soamente ocupamos arredor do 20% dos postos directivos en España.

– Pero, amais destes datos que poñen de manifesto o dominio patriarcal, ás mulleres estanos asasinando. Este ano xa van 4 mulleres máis asasinadas, o ano pasado foron 55, dúas delas galegas. Basta xa!!

Os datos obxectivos, as cifras falan por si solas. ¿Non son suficientes estes datos para explicar esta folga? ¿Pode alguén negar que esta é a realidade?

Como dicía Emmeline Pankhurst “Os feitos, non as palabras, cambian as cousas”. Por iso as mulleres no mundo tomaron as rendas do seu futuro. Un gran manto está sendo tecido para cubrir o planeta coa palabra igualdade.

Este movemento das mulleres persegue construír unha sociedade para todas e todos. Queremos un sistema no que teñamos os mesmos dereitos cos homes: mesmos dereitos salariais e laborais, mesmas posibilidades de estar nos postos de dirección, mesma liberdade para elixir a nosa identidade e liberdade sexual, mesma capacidade para desenvolver as nosas profesións, que as actividades de coidado sexan compartidas por homes e mulleres, que se arranque das nosas sociedades as violencias machistas que padecemos.

En definitiva: queremos a metade de todo porque somos a metade da poboación.

¿Non son todas estas reclamacións argumentos máis que claros para facer unha folga de mulleres? Como dicía Christabel Pankhurst, “non debemos perder máis tempo, temos que actuar”.

Queremos que se visibilice ás mulleres que tanto teñen aportado no ámbito da ciencia, da investigación, da economía, da política, da cultura…

Queremos libros de texto nos que a nosa presenza sexa reflexo da verdade que leva ducias, centos de anos ocultada por unha sociedade organizada por homes que non deixa coñecer a grandes mulleres que fixeron grandes aportacións á sociedade ao longo de toda a historia da humanidade. Mulleres como Hipatia de Alejandría, Exeria, Francisca Herrera, María Luz Morales, Marie Curie, Nélida Piñón, Federica Montseny, Clara Peeters, Maruja Mallo, Carmina Virgili Rodón, Josephine Cochrane, Margaret Wilcox, Anna Connelly, Lily Alvarez, Carmen Soriano, María de Maeztu, Virginia Woolf, Christine de Pizan, Mary Nash, Rosalía Mera, Isabel Barreto…

Todas elas e tantas máis. Mulleres da ciencia, da investigación, da prensa, da literatura, da política, da pintura, da Universidade, do deporte, da educación, da filosofía, da empresa.

¿Onde están as biografías e as aportacións desas mulleres e os avances que teñen aportado á humanidade?

Ocultados, silenciados, invisibilizados

¿Non é razón suficiente para que nesta folga as destaquemos e reivindiquemos? Como dicía Elisabeth Cady Stanton, “a prolongada escravitude das mulleres é a páxina máis negra da historia da humanidade”.

Queremos un mundo onde non lle teñamos que dicir ás mozas que non vaian soas pola noite, que vistan roupas denominadas “decentes” polo machismo, onde non lles teñamos que comprar xoguetes as nenas que manteñan os roles chamados “femininos”, onde saiban que non teñen que soportar as vulgaridades que escoitan polas rúas e que se cualifican como piropos, que non hai que aguantar ningún tipo de acoso…

¿Non son razóns suficientes para facer unha folga que é tamén un chamamento contra estes comportamentos machistas?

Razóns. Razóns. Ducias, centos de razóns. Porque como moi ben dicía Flora Tristán “todas as desgrazas do mundo proveñen do esquecemento e o desprezo que ata hoxe se fixo dos dereitos naturais e imprescindibles de ser muller”.

Este 8 de marzo vai quedar na memoria da humanidade como o día no que as mulleres decidiron alzar a voz e ser protagonistas da loita pola igualdade, que tanto ben lle fará á humanidade.

Queremos desmontar un sistema que ten a súa base na desigualdade e o queremos facer nós, as mulleres.

Parafraseando a Audre Lorde “non desmontaremos a casa do amo coas ferramentas do amo”. Así que esta folga é a nosa ferramenta para desmontar a desigualdade.

Viva o 8 de marzo!

Anuncios