Chega o primeiro disco de The Riggos, rock feito entre Gondomar e Vigo

The Riggos é un grupo de Punk-rock e rock formado no ano 2011. Está formado por Bruno Costas (guitarra e voz) e Yago Ray Costas (batería), de Peitieiros, Arturo Peixoto (baixo), de Gondomar, e Denis Carballás (guitarra e voz), de Vigo. Empezando como un grupo de versións, hoxe en día conta cun amplo repertorio de cancións propias. Tras sacar tres EP’s durante a súa evolución, gravados en Muu estudos de Vigo, o pasado 23 de febreiro saíu á luz o seu primeiro disco, que presentarán o próximo 6 de abril cun concerto en La Iguana Club.

“The Riggos” inclúe 14 cancións orixinais, entre elas os seus dous primeiros singles: “Cada vez que abres la boca” e “Siguiente Nivel”. Está producido por Lemuria Music e distribúeo Warner Music, gravado ao longo de 2017 en Gondomar por Pedro Feijoo, que tamén o mesturou e o remasterizou. Pódese comprar en tendas de música como Fnac, El Corte Inglés, La Casa del Disco ou Tipo Música. En plataformas dixitais pódese escoitar e descargar en Spotify, iTunes Music, Amazon, Google Play.

2018-03-07 - Carátula disco

O grupo foi creado nos seus inicios por Bruno Costas, Yago Ray Costas, Martín Fernández e Miguel Vázquez, mentres que na actualidade os dous últimos foron substituídos por Denis Carballás e Arturo Peixoto.

Compartiron escenario con grupos como os Kaiser Chiefs, Miguel Costas ou Surfin’ Bichos, gañaron entre 140 bandas o concurso de Cuac FM e tocaron no Festival Noroeste Estrella Galicia no escenario da praia de Riazor acompañando a grupos de primeiro nivel.

Bruno Costas (voz principal e guitarra rítmica)

Nacido o día 14 de Febreiro do ano 1996 comezou coa guitarra desde pequeno no conservatorio de Gondomar e pasando por grupos como Clan 45, Mangosta ou O incrible espectáculo acústico e visual de Bruno e Denis. Finalmente acabou formando The Riggos. Á vez que Yago Costas, é fillo do famoso cantante Miguel Costas (ex-Siniestro Total, ex-Los Feliz, Aerolíneas Federales e Costas), ao cal tiveron como inspiración musical durante toda a súa vida.

Yago Ray Costas (batería e coros)

Do 2 de Xuño de 1997 empeza coa batería á nova idade de 7 anos. Tivo diferentes profesores aínda que a súa aprendizaxe maioritaria realizouse dunha forma autodidacta. Pasou por varios grupos como Clan 45, Millo, Sniff & Crash e Yellow Street Corner.

Denis Carballás (guitarra solista e coros)

Nacido o 8 de Xaneiro de 1995. Desde moi novo tivo xa unha guitarra nas súas mans e pasando por diferentes estilos musicais que van desde o Blues, o Rock and Roll ou o Punk acaba entrando en The Riggos no ano 2016. Tivo varios grupos antes entre os que destacar Brainwave, El increíble espectáculo acústico y visual de Bruno y Denis e os Bethooven Rollers.

Arturo Peixoto (baixo e coros)

Do 28 de Decembro de 1996 empeza co baixo desde pequeno recibindo clases do baixista Pedro Feijoo (ex- Lamatumbá). Pasou por grupos como Clan 45, Mangosta ou Mas Aloud ata acabar finalmente en The Riggos.