Anuncios
Ticker de novas

Os lanzamentos practicados en Galicia o ano pasado aumentaron un 4,6 por cento

O número de execucións hipotecarias iniciadas en Galicia o ano pasado descendeu un 6,5 por cento con respecto a 2016. En 2017 presentáronse na comunidade 1028 demandas, fronte ás 1100 do ano anterior, o que supón un descenso interanual inferior á media estatal (-37,8 %), segundo se desprende do informe ‘Efectos da crise económica nos órganos xudiciais’ que hoxe fixo público a Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial. A cifra de execucións hipotecarias solicitadas en Galicia en 2017 foi a máis baixa desde 2007, cando se iniciaron 701.

O número de lanzamentos practicados o ano pasado en Galicia foi de 2493, o que supón un incremento do 4,6 % respecto dos 2384 de 2016. Os lanzamentos afectan a distintos tipos de inmobles, non só vivendas e, no caso destas, non só a vivenda habitual. Dos 2493, como consecuencia de procedementos de execución hipotecaria producíronse 757 (un 1,2 % menos que en 2016, cando se rexistraron 766), mentres que aumentaron un 6,2 % os lanzamentos motivados por procedementos derivados da Lei de Arrendamentos Urbanos (falta de pagamentos de aluguer), ao pasar de 1544 en 2016 a 1639 o ano pasado. Os lanzamentos enmarcados no apartado doutras causas pasaron de 74 a 97. No conxunto do Estado, o número de lanzamentos experimentou un descenso do 3,6 por cento.

Baixa tamén o número de concursos presentados nos xulgados do mercantil galegos. Fronte aos 319 que se rexistraron en 2016, pasouse a 293, o que representa un descenso do 8,2 por cento. Con respecto aos concursos de persoas naturais non empresarias, que se tramitan nos xulgados de Primeira Instancia, en Galicia rexistráronse ao longo de 2016 40, fronte aos 63 do ano pasado.

As 5515 demandas por despedimento presentadas nos Xulgados do Social galegos en 2017 supoñen un incremento interanual do 7,3 por cento (en 2016 rexistráronse 5141). O informe sinala que continúa o descenso dos procedementos monitorios rexistrados. O ano pasado nos Xulgados de Primeira Instancia e de Primeira Instancia e Instrución de Galicia presentáronse 27 626 asuntos deste tipo, fronte aos 29 631 de 2016, o que supón unha baixada do 6,8 %.

En Galicia rexistráronse o ano pasado 32 expedientes do artigo 64 da Lei Concursal, relativo á modificación substancial das condicións de traballo de carácter colectivo (ERE’ s), fronte aos 36 de 2016, o que supón un descenso do 11 por cento.

Anuncios