Baiona dá o pistoletazo de saída á Festa da Arribada

O Concello de Baiona abriu este venres a XXII Festa da Arribada que converterá a Real Vila nun grande Mercado Medieval durante toda a fin de semana. Os canonazos dende a Fortaleza declararon oficialmente aberta a Festa de Interese de Turístico Internacional que este ano conmemora o 525 aniversario da chegada da Carabela La Pinta á Praia da Ribeira.

O Parador Conde de Gondomar acolleu os actos oficiais coa presenza da presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o concelleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, entre outros, ademais de multitude de autoridades tanto civís como militares.

O presidente do Goberno galego referiuse ao espírito da Arribada como a proba de que Galicia é unha terra sen fronteiras, aberta e que sabe que a mestura, a suma e a unión só poden desembocar nun beneficio común.

“Os cidadáns de Baiona, máis que sorprenderse polo descubrimento de América, sentíronse reconfortados porque -no fondo- sabían que unha terra aberta ao océano como Galicia non podía ser o fin de nada, senón o principio de todo. Sabían que a época das fronteiras froito da ignorancia e do medo debía chegar ao seu fin; que era o momento de construír pontes e de establecer lazos económicos, sociais e culturais co novo mundo e que Galicia tiña potencial para facelo; e que, en definitiva, os galegos descubriríamos o mundo pacificamente, poñendo en contacto a nosa cultura coa cultura dos países que nos acollen”, abundou.

Nesta liña, afirmou que a Comunidade galega continúa a ser un punto de encontro: primeiro a través do espírito emprendedor dos emigrantes galegos e, agora, a través das empresas galegas, xerando emprego, riqueza e internacionalizando a marca Galicia alí onde operan.

Feijóo concluíu subliñando que con esta festa, declarada de interese turístico internacional, un ano máis Galicia celebra o espírito da Arribada abrindo os brazos ao progreso e ao futuro do mesmo xeito que o fixeron -hai 525 anos- os habitantes de Baiona.

Posteriormente foi o momento da homenaxe ao capitán da carabela La Pinta coa ofrenda de coroas ante a imaxe de Martín Alonso Pinzón e a interpretación de himnos, para finalizar cos disparos de salvas polos canóns da Fortaleza.

Pola mañá celebrouse na Igrexa de Santa María de Baiona unha Misa Solemne e acto seguido a Ofrenda de Coroas ante a Cruz de Evanxelización de América, e o Salón de Plenos do Concello acolleu a entrega da distinción honorífica de “Filla Adoptiva de Baiona”a título póstumo a Dª Pilar Pulgar Fraile (ex alcaldesa de Palos de la Frontera e primeira alcaldesa nomeada polo Rei Don Juan Carlos I na democracia).

Xa o sábado, ás 11:30 horas, no Paseo da Ribeira, haberá unha visita ás paradas dos pobos irmáns: Palos de la Frontera, Santa Fe, Pornic, Vila do Bispo e Baiona, e ás 12:00 horas celebrarase o Gran Desfile Medieval polo Real Mercado coa participación de toda a animación da Festa da Arribada.