As previsións auguran unha Arribada con chuvia e vento

Baiona prepárase para celebrar a Festa da Arribada e segundo as previsións de Meteogalicia agárdase na localidade do Val Miñor unha alternancia de ceos moi anubrados con momentos con nubes e claros. Haberá precipitacións todos os días ata o domingo. En canto ás temperaturas, serán normais para este período, con mínimas que ascenderán lixeiramente e máximas que se manterán sen cambios. Vento forte do Sudeste do venres pola mañá ó venres pola tarde; e moi forte do Oeste o sábado pola noite.

Para hoxe venres agárdase unha xornada de inestabilidade atmosférica, con aire moi frío nas capas altas da atmosfera. Deste xeito agardamos un aumento das nubes a medida que avance a mañá, con chuvias no sur e oeste; xa pola tarde as precipitacións serán xeneralizadas, localmente acompañadas de sarabia e aparato eléctrico. A cota de neve comezará a xornada nos 900 metros e subirá á tarde aos 1300 metros. As temperaturas sufrirán un moderado descenso, con formación de xeadas no interior e zonas altas. Os ventos soprarán de compoñente sur, aumentando a súa intensidade ata ser fortes pola tarde e noite en toda Galicia.

Galicia continuará durante o sábado na influencia das baixas presións. Con esta situación, agárdanse intervalos anubrados con chuvascos intermitentes, localmente treboentos. As temperaturas experimentarán un lixeiro ascenso. Os ventos soprarán do sudoeste, moderados en xeral, fortes no litoral.

Non se agardan cambios significativos para o domingo, xa que Galicia persiste na influencia das borrascas. Así, agárdanse ceos anubrados con chuvias xeneralizadas. A cota de neve situarase arredor dos 1000-1200 metros. As temperaturas mínimas experimentarán un lixeiro ascenso mentres que as máximas quedarán sen cambios. O vento soprará do sudoeste moderado, con intervalos fortes na franxa costeira.

Anuncios