Anuncios
Ticker de novas

A Xunta convoca aos titulares dos terreos afectados pola construción da senda en Priegue

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda convoca para os vindeiros 14 e 15 de marzo aos titulares dos terreos afectados polas obras de construción dos itinerarios peonís e ciclistas en Navia, Coruxo e Priegue, nos Concellos de Vigo e Nigrán, para o pago dos depósitos previos.

No que se refire á senda na PO-325, en Navia, os propietarios dos terreos deberán acudir o día 14 de marzo ás 9:30 h ao Concello de Vigo.

Esta actuación, na que o Goberno galego investirá 300.000 euros, mellorará a conectividade e os accesos peonís coa Avenida Ricardo Mella. Esta senda, que terá unha lonxitude de case 1,5 quilómetros, executarase nunha marxe da estrada autonómica PO-325, unindo o tramo comprendido entre a glorieta de intersección da VG-20, a circunvalación de Vigo, ata o cruce coa rúa Muíños, estrada que comunica con Samil, uníndose aí co carril bici xa existente na zona de Coruxo e que chega ata Baiona.

En relación ao itinerario peonil e ciclista na PO-552, nos treitos Coruxo- Roteas, A Estea e Priegue, os titulares dos terreos deberán acudir o 14 de marzo ás 9.30 ao Concello de Vigo ou o día 15 á mesma hora ao Concello de Nigrán, en función da ubicación das fincas.

A Xunta inviste un orzamento duns 868.000 euros para levar a cabo esta senda en tres treitos situados entre os pp.qq. 3+280 e 7+500 da citada estrada. O primeiro tramo, entre Coruxo e Roteas, iníciase no Pq. 3+280, onde finalizan as beirarrúas existentes en Coruxo, e construirase senda polas dúas marxes da estrada ata o Pq. 3+600, na zona do pavillón de deportes. Desde este punto seguirase pola marxe dereita ata o 4+440, punto situado na zona inicial de San Miguel de Oia.

O segundo tramo, na Estea, localízase na travesía de San Miguel de Oia, comezando no Pq. 5+600 e finaliza no 6+070, punto no que remata a travesía. Prevese a súa construción pola marxe dereita da estrada PO-552, xa que na esquerda xa existe beirarrúa. O último treito iníciase no punto no que comeza a travesía de Priegue (Pq. 6+910) e remata no 7+500, onde conecta coas beirarrúas existentes.

Estas actuacións están enmarcadas no Plan de Sendas na comarca de Vigo, que supón a execución de 9 novos itinerarios que comprenden 12,5 quilómetros de sendas e un investimento de case 5 millóns de euros.

Anuncios