O presidente da Mancomunidade do Val Miñor, Paco Ferreira, entregou ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) un novo desfibrilador semiautomático (DESA). O aparello foi cedido pola Xunta de Galicia previa firma do correspondente convenio, co obxectivo de reforzar a xestión de emerxencias.
O desfibrilador externo semiautomático (DESA) é un aparello electrónico portátil que diagnostica e trata a parada cardiorrespiratoria cando é debida á fibrilación ventricular (en que o corazón ten actividade eléctrica pero sen efectividade mecánica) ou a unha taquicardia ventricular sen pulso (en que hai actividade eléctrica e neste caso o bombeo sanguíneo é ineficaz), restablecendo un ritmo cardíaco efectivo eléctrica e mecanicamente.
A desfibrilación consiste en emitir un impulso de corrente continua ao corazón, despolarizando simultaneamente todas as células miocárdicas, podendo retomar o seu ritmo eléctrico normal ou outro eficaz. A fibrilación ventricular é a causa máis frecuente de morte súbita. O DESA é moi eficaz para a maior parte dos chamados paros cardíacos, que no seu maior parte son debidos a que o corazón fibrila e o seu ritmo non é o adecuado, estes equipos basicamente devolven o ritmo adecuado ao corazón.
Este novo equipamento súmase ao equipo de excarceración valorado nuns 43.000 euros que foi entregado pola Xunta recentemente, e que supón un reforzo importante na actuación do persoal de bombeiros en accidentes de tráfico, excarceracións, levantamento de obxectos pesados (por exemplo tractores), corte de elementos e outras utilidades.

