Anuncios
Ticker de novas

Detidos dous veciños de Gondomar e un de Nigrán por máis dunha decena de roubos no Val Miñor

FOTO: GARDA CIVIL // Parte do material recuperado.

A Garda Civil detivo a dous veciños de Gondomar e un de Nigrán, aos que se lles atribúe a suposta autoría de, polo menos, 11 roubos cometidos nos tres municipios do Val Miñor (Baiona, Nigrán e Gondomar).

A maior parte dos roubos esclarecidos leváronos a cabo en segundas vivendas e a finalidade que perseguían era, fundamentalmente, a subtracción de ferramentas e maquinaria de todo tipo, que adoitaban vender en establecementos comerciais de compra venda de obxectos usados.

As investigacións levadas a cabo por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán para o esclarecemento deste tipo de roubos deron os seus primeiros resultados cando, nun destes establecementos detéctase a venda de dous desbrozadores e un deles que fora subtraído a finais do ano 2016 a uns operarios municipais do concello de Baiona cando estaban a traballar nunha céntrica rúa da localidade.

Seguindo esta liña de investigación púidose esclarecer outro roubo de ferramentas nun hotel en construción na zona de Sabarís (Baiona) e en base a iso lógrase a identificación dos presuntos autores que resultaron ser dous veciños de Gondomar, LG.C.P., de 30 anos, e JD.P.P., de 35, e A.C.L., de 20 anos, este último veciño de Nigrán, todos eles cun amplo historial de feitos delituosos contra a propiedade.

No marco da mesma investigación, esclarecéronse outros nove roubos, dous deles de ferramentas no interior de senllos vehículos estacionados e o resto en vivendas de segunda man, nalgunha das cales chegaron a ocasionar danos materiais de consideración.

Ademais da rozadora, puidéronse recuperar varios obxectos en poder de familiares e amigos dun dos detidos, entre eles: un TDT, un retroproxector, un carro de obra e un carga baterías portátil.

Os tres detidos foron postos en liberdade unha vez prestaron declaración en dependencias da Garda Civil e deberán comparecer, cando sexan citados, no Xulgado de Instrución de garda de Vigo, que entende do caso.

Anuncios