O Pleno de Baiona celebrado este xoves aprobou o nomeamento de Ana Paula Guntín Carneiro como Xuíz de Paz titular do municipio, cos votos a favor de PP e PSOE e a abstención de BNG e EU. Trátase da primeira muller que ocupará o cargo, tomando a substitución de Óscar Carreño, que se xubila tras case 26 anos no posto.
En outubro do 2017 o Concello de Baiona iniciou o proceso para elixir ao novo Xuíz de Paz titular por un período de catro anos, ao que se presentaron un total de sete candidatos.
O Xuíz de Paz desempeña as funcións en núcleos urbanos e en zonas rurais, e exerce de mediador entre discusións familiares ou por débedas de pequena cantidade, ademais de atender o Rexistro Civil, celebrar cerimonias, inscribir nacementos, etc. Debe ser por tanto unha persoa con experiencia, con coñecemento dos veciños, con aptitude conciliadora.
María Iglesias recalcou na súa intervención que cumpre o perfil requirido e trátase dunha veciña do municipio “partícipe da actividade diaria da nosa vila no eido cultural e outros”.
Tras ser designada Xuíz de Paz titular do municipio de Baiona, o Concello dará traslado do acordo plenario ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

