Anuncios
Ticker de novas

Baiona suspende o proxecto do campo de golf e anuncia a súa eliminación do PXOM

Tal e como se comprometeu, o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, aclarou este mércores o futuro do Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas de As Costeiras nunha rolda de prensa ante os medios. Esta mesma tarde trasladará a decisión aos veciños de Baredo.

Segundo explicou o rexedor, a UTE non presentou en prazo as contestacións tanto ás alegacións como aos informes sectoriais, polo que desde o goberno entenden que é “un incumprimento de contrato”. Por tanto, Rodal anunciou que queda suspendido o Plan Especial de As Costeiras. “Ata agora traballamos con tres cousas: transparencia, compromiso e palabra”, recalcou.

Pero o goberno local non queda aí, e o alcalde avanzou ademais que se iniciarán os trámites para a súa eliminación do Plan Xeral “para que non quede ningunha dúbida”. A zona volverá ser terreo rústico forestal, aínda que previsiblemente o proceso alongarase uns meses.

O 4 de xuño do 2014 aprobouse definitivamente o PXOM, que prevía unha dotación de infraestruturas deportivas na parroquia de Baredo, de 675.000 metros cadrados. O 14 de abril do 2015 formalizouse o contrato administrativo entre o Concello de Baiona e o equipo redactor do Plan Especial, a UTE de empresas González Souto e Luque, Aseguinolaza e Asociados. En xuño do mesmo ano iniciouse a súa tramitación.

Dous anos despois, o 15 de xuño do 2017, presentouse o documento á oposición e ás Comunidades de Montes e de Augas de Baredo. Acto seguido foi aprobado en Xunta de Goberno.

O 4 de agosto de 2017, o equipo redactor do Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas de As Costeiras presentou o proxecto no Centro Cultural de Baredo, respondendo a todas as dúbidas de comuneiros e veciños. Aí comezou un movemento social e veciñal como non se viviu en anos en Baiona.

Foron seis meses nos que os veciños mostraron o seu rexeitamento ao campo de golf nos actos do Día da Hispanidade, nas sesións plenarias, ou mesmo a modo de comparsa no Entroido.

Durante o período de alegacións, inicialmente de dous meses aínda que ampliado un mes máis, presentáronse un total de 3.500 alegacións, incluíndo unha do equipo de goberno, na que indicaba que o prioritario era que se puidese garantir a cantidade e calidade da auga dos veciños da parroquia de Baredo.

O Concello de Baiona abandona así un proxecto que contemplaba un campo de golf de 18 foxos acompañado de club hípico, pistas de tenis e pádel, campos de fútbol sala, balonvolea, baloncesto, balonmán, piscina, club social, cafetería, pista de rodeo, anfiteatro, curro e zona de deportes aéreos nunha área de case 70 hectáreas, cun valor total que superaba os 14 millóns de euros.

Anuncios