Anuncios
Ticker de novas

A startup “Bonos Bienestar” prepara desde Baiona o seu gran salto internacional

FOTO: BONOS BIENESTAR // Celso, Eduardo, Patricia e Juanjo en Fitur.

A empresa Bonos Bienestar, situada no Viveiro de Empresas de Baiona, amplía as súas fronteiras chegando a diferentes países de todo o mundo, tales como Costa Rica, Arxentina, Colombia ou Panamá, entre outros, froito das negociacións obtidas tras a súa participación na feira Fitur de Madrid, onde obtivo uns grandes resultados.

Trátase dunha nova concepción do benestar que combina experiencias en hoteis spa, balnearios e centros de talasoterapia que busca a ruptura da cotidianidade propia do día a día en forma de bonos-regalo con data aberta.

O proxecto de capital novo, autofinanciado e 100% galego, conta cunha estratexia de expansión ambiciosa, xa que para 2018 prevé a incorporación ao seu actual portfolio de ofertas de máis de 200 instalacións hostaleiras distribuídas por diferentes puntos do globo.

A startup foi creada en 2014 na Guarda, aínda que o lanzamento da páxina web foi en 2015. Os seus propietarios son catro novos emprendedores, Juanjo Roris, de Baiona, Patricia Gómez, de Oia, Eduardo Castro, da Guarda, e Celso Gómez, de Vigo, aínda que Baiona é a súa segunda casa.

A pesar da curta traxectoria de vida do proxecto, Bonos Bienestar triplicou o seu volume de facturación nos últimos 12 meses e desde a organización están a ultimar os detalles para a apertura dunha nova web dirixida ao mercado portugués. Afirman desde a compañía que o gran salto está programado para o segundo trimestre do ano, coa súa posta de longo nos principais países latinoamericanos, reafirmando a escalabilidade e internacionalización do proxecto.

Un concepto nado na década dos 50

O Wellness é un concepto importado directamente dos EEUU e fundado por Helbert L. Dunn, un estatístico norteamericano que afirmou que para chegar á autorrealización persoal “é preciso potenciar as esferas do físico, o mental e o espiritual”. É neste punto cando nace o “wellness movement” que nas seguintes décadas fusionarase con experiencias promovidas por hoteis, spas ou balnearios e que utilizan a relaxación como ferramenta para chegar a estados plenos de benestar e de saúde integral.

Trátase pois dun concepto adaptado á vida actual e que busca potenciar o confort vital, que hoxe en día é cada vez máis difícil de conseguir.

Anuncios