
O Okofen de Javier de la Gándara consolidou o seu liderado na Liga de Outono AXA J80 tras vencer na segunda xornada celebrada esta tarde na baía de Baiona cunhas condicións meteorolóxicas complicadas, de mar revolto e un vento intenso e rolón que obrigou ao comité a modificar o campo de regata en varias ocasións.
A pesar das circunstancias e a non contar coa súa tripulación habitual, na que faltaron Jaime de la Gándara e Hugo Ferreiro, o Okofen volveu demostrar por que está entre os mellores J80 de España. Fíxoo, como vén sendo habitual, co tándem Javier de la Gándara – Diego Fernández á cabeza, e o apoio, este sábado, de Javier Porto e Jaime García.
Os seus resultados non foron tan regulares como na primeira xornada, na que fixera pleno con tres primeiros; pero o terceiro, primeiro e segundo postos asinados hoxe, e o descarte que entrou en xogo permitíndolle borrar da clasificación o seu peor resultado, mantivérono en primeira posición e afastárono aínda máis dos seus rivais máis directos.
Con 6 puntos, o Okofen segue na cabeza por diante do Marías – Casas do Telhado patroneado polo portugués Manuel María Cunha, que ten 12. O Luna Nueva de Juan Luis Tuero, que hoxe navegou moi ben e logrou cruzar a liña de chegada entre os primeiros, subiu ata a terceira posición e coouse no podio provisional con 16 puntos. Con 18 puntos, o Pazo de Cea, liderado nesta segunda xornada por Iago Alonso e coa incorporación á tripulación de Juan Lago, vai cuarto na clasificación.
A partir desa cuarta posición, as distancias do resto da frota con respecto aos J80 que van na cabeza son xa máis pronunciadas. Con 25 puntos sitúase en quinta posición o Mondo de Bernardo Macedo, e con 26 séguelle moi de preto o Namasté de Luis de Mira.
Pechan a clasificación o Cansino de Fernándo Yáñez, que arrasta a falta de puntuación da primeira xornada na que non competiu; o Cunichán de Javier Martínez Valente, que hoxe non puido puntuar nunha das probas; e o Cormorán II de Yago G. Robatto.
A Liga de Outono AXA J80 organizada polo Monte Real Club de Yates co patrocinio, un ano máis, de AXA Seguros, cruzará o próximo 10 de novembro o seu ecuador con tres novas probas que penetrarán aos monotipos na recta final da competición.
CLASIFICACIÓN 2ª XORNADA (Top5) LIGA DE OUTONO AXA J80
1. OKOFEN • Javier de la Gándara • 6 puntos
2. MARÍAS – CASAS DO TELHADO • Manuel María Cunha • 12 puntos
3. LUNA NUEVA • Juan Luis Tuero • 16 puntos
4. PAZO DE CEA • Iago Alonso • 18 puntos
5. MONDO • Bernardo Macedo • 25 puntos