Detido en Nigrán cunha motocicleta de Correos que subtraera en Vigo

A Policía Local de Nigrán, nun operativo coordinado coa Garda Civil, interceptou o pasado luns a un veciño de Vigo, VAI.F.R., de 37 anos, cando pilotaba unha motocicleta do servizo de Correos que subtraera na mesma cidade.

Os feitos producíronse por mor dunha alerta que recibe a Policía Local informando de que unha motocicleta de servizo de Correos desprazábase circulando en zigzag cara a Nigrán, pola estrada PO-325.

Instantes despois de recibir a información, a patrulla da Policía Local detecta o paso da motocicleta, inicia a súa persecución e despois de solicitar o apoio da Garda Civil do Posto Principal de Baiona-Nigrán consegue darlle alcance á altura do Km. 13:500, cando o piloto perde o control e cáese sobre a calzada.

A motocicleta pertencía ao servizo de Correos e fora subtraída durante a mañá dese mesmo día nunha céntrica rúa de Vigo, segundo denuncia formulada na Comisaria da Policía Nacional.

En consecuencia, a patrulla da Garda Civil fíxose cargo da correspondencia pendente de repartición que levaba a motocicleta, para a súa entrega nas oficinas de Correos e procedeu á inmediata detención da persoa que a conducía, acusada da presunta comisión dun delito de furto de uso de vehículo a motor.

O detido, que tivo que recibir asistencia médica polas lesións sufridas na caída, foi posto a disposición do Xulgado de Instrución de garda de Vigo, que decretou a súa liberdade provisional con cargos.

Anuncios