Sin categoría

Finalizan os traballos de reparación da pasarela de madeira da estrada de subida a Baíña

A Deputación de Pontevedra realizou obras de reparación da pasarela de madeira da estrada de subida á parroquia de Baíña. O Concelleiro de Infraestruturas de Baiona, José Ángel Bahamonde, achegouse ata o lugar para supervisar os traballos e recibir a obra de mellora. Bahamonde estivo acompañado polo Xefe de Servizo de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, Francisco Alonso González, e por outros dous técnicos da institución provincial.

A recuperación da pasarela de madeira situada na EP-2201 Baiona-Baíña-Fontes, ao seu paso pola parroquia de Baíña, próxima á urbanización “Almirante Fontán”, levaba sendo necesaria desde hai un tempo. Os arranxos consistiron no desmonte e substitución na súa totalidade, 104 metros de lonxitude, das vigas de madeira existente, desmonte e substitución por completo da tarima de madeira. En canto á estrutura metálica, as obras de mellora consistiron no reforzo, lixado e pintado na súa totalidade con pinturas específicas para ambiente salino.

Dada a situación de atraso nos traballos de arranxo dos danos, e dada a funcionalidade e características da estrada, o Alcalde de Baiona e Deputado Provincial, Jesús Vázquez Almuiña, púxose en contacto coa administración provincial para incidir na necesidade de reparación da pasarela de madeira, que levaba un importante tempo pendente. O persoal técnico do Servizo de Estradas da Deputación deu resposta á devandita solicitude poñendo en marcha unha actuación urxente, dado que é unha infraestrutura moi utilizada polos veciños de Baíña que se desprazan a pé ao núcleo da Vila.

Desde hoxe con esta actuación recupérase o acceso de forma segura á urbanización “Almirante Fontán” e á parroquia de Baíña, poñendo fin a uns danos nunha estrada moi utilizada polos veciños do lugar e que levaban tempo esperando dita reparación.