Anuncios
Ticker de novas

CCOO considera que a RTP de Baiona “está moi verde para poder pechar a negociación”

“Vísteme amodo que teño presa”, expresión popular que deberíamos aplicar á negociación da RPT de Baiona. Dende CCOO consideran que está moi verde para poder pechar a negociación.

Dende fai máis de un ano veñen negociando unha proposta de RPT presentada polo Concello da que expresaron reiteradamente a súa disconformidade con boa parte do seu contido. Dende o punto de vista sindical, despois de varias reunións da Mesa de Negociación mantéñense graves desaxustes neste documento, diferenzas entre grupos profesionais e postos de traballo con funcións análogas, que non responden a criterios técnico-profesionais.

Segundo CCOO agrávanse situacións inaceptables que afectan aos traballadores coas retribucións máis baixas, con niveis de Complemento de Destino vergoñentos, que non van ter modificacións nas súas retribucións aumentando a “brecha salarial” cos salarios máis altos que si van ter un importante incremento das retribucións.

“Vemos que tan só serve para favorecer determinados postos de traballo en prexuízo de outros, coa utilización de forma totalmente subxectiva da metodoloxía de valoración, lonxe de criterios analíticos e empíricos que deberían fundamentar a elaboración dunha RPT”.

Nos últimos sete anos os empregados públicos, tamén os do Concello de Baiona, levan perdidos arredor do 20% dos seus dereitos salariais, polo que para a organización sindical a RPT debería servir para recuperar alomenos parte deses dereitos incautados, para incorporar certa proporcionalidade nas retribucións entre grupos profesionais e acabar con privilexios duns poucos.

“Sobre a ameaza do pseudo sindicato policial ASIB de boicotear o dispositivo de seguridade da Festa da Arribada, dende CCOO pensamos que os instrumentos de loita dos traballadores son a negociación e a folga, dubidamos de estraños boicots mesturados con escuras negociacións á marxe da Mesa Xeral. A falta de solidariedade de ASIB cos seus compañeiros e compañeiras doutros departamentos do concello pretendendo pechar unha RPT aínda moi verde é unha expresión máis do seu “corporativismo insolidario” acreditado en pasados conflitos como a denuncia contra as lexítimas retribucións por nocturnidade dos compañeiros da limpeza gañadas por sentenza xudicial”, conclúen.

Anuncios