Manifesto Miñor organiza en Baiona o I Evento Solidario polo Benestar Animal

Manifesto Miñor – En Marea organiza este xoves, 16 de maio, a partir das 18:00 horas, o I Evento Solidario polo Benestar Animal na Virxe da Rocha de Baiona. Realizarase unha recollida de produtos para as protectoras de animais Villa Peixiño e Bai.senpulgas e haberá actuacións musicais a cargo dos grupos Hugo Chamizo e Rosa Jiménez, Awen e La patrulla, mercado solidario, photocall, pintacaras para os máis pequenos e venta de comida e bebida.

“Manifesto Miñor – En Marea ten un forte compromiso co benestar animal, polo que queremos aproveitar para reivindicar convenios coas asociacións do Val Miñor en materia de recollida digna de cans e gatos, control das colonias felinas coa aplicación do programa CES de esterilización, programas de concienciación do benestar animal, etc. Asemade, dende os concellos propoñeremos a revisión do convenio co CAAN, un programa da deputación provincial que non garante o benestar animal”, sinalan.

“Os concellos miñoráns teñen que cumprir a Lei de Benestar Animal e, para iso, é fundamental contar co apoio dos colectivos, asociacións e protectoras da contorna. Alí onde gobernamos, levamos a Pleno a aprobación dun convenio coas protectoras locais para a recollida de animais abandonados e control das colonias felinas; a día de hoxe, non temos coñecemento de que se asinase ningún convenio neste sentido. En Baiona, non hai ningún tipo de cooperación coas protectoras de animais. E en Nigrán, o concello aprobou un convenio con Bai.senpulgas por unha contía que resulta insuficiente. Está todo por facer”, conclúen desde Manifesto Miñor – En Marea.