Nigrán Decide cre que a cesión do contrato de redacción do PXOM pode ser ilegal

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Na Comisión Informativa celebrada o pasado xoves, así como nas notas informativas, o goberno de Nigrán ocultou o sentido do informe do departamento de contratación do Concello de Nigrán que, se ben non a cualifica de ilegal, si indica que debe quedar acreditada a realización do 20 por cento do traballo contratado.

“A Nigrán Decide, dado que non foi entregado ao Concello dito 20%, non lle consta formalmente o cumprimento de dito requisito”, sinala o seu voceiro, José Cuevas, polo que esta segunda cesión do contrato podería ser ilegal.

Nigrán Decide lamenta o bloqueo na elaboración do PXOM que está facendo este goberno, pois a pesar de coñecerse desde xaneiro de 2017 e, oficialmente, desde agosto dese ano a intención de EPTISA de non continuar coa redacción do PXOM, non explorou, ou non consta en ningún documento oficial, que tratase a posibilidade dunha resolución do contrato por mutuo acordo entre o Concello de Nigrán e EPTISA, tal como prevé a lexislación de contratos públicos. “Non entendemos que, se EPTISA manifestou que non ía seguir co planeamento, non se explorase esta posibilidade, a no ser que existan acordos ocultos dos que non se informa aos grupos municipais”, sinala José Cuevas.

O goberno de Nigrán coñece oficialmente desde marzo de 2017 que EPTISA despedira a parte do equipo redactor, polo que desde ese momento coñecía o incumprimento das condicións esenciais do contrato relativas á composición do equipo redactor, a pesar do cal no Consello Sectorial celebrado dous meses despois, no que participou o responsable da empresa á que agora se lle quere ceder o plan, anunciou que en outubro estaría finalizado o plan e o exporía polas parroquias.

“Tamén os prazos para a elaboración do PXOM estanse incumprindo coa connivencia do goberno, pois o prazo para realizar o documento para a aprobación provisional do PXOM, de 3 meses, non se está cumprindo. Se ben Nigrán Decide é consciente da imposibilidade de cumprir dito prazo polo súa interrupción a causa dos informes técnicos que teñen que emitirse, a realidade é que en agosto de 2017 entregóuselle a EPTISA o estudo arqueolóxico, pasando máis de tres meses sen que a empresa fixese ningunha xestión, nin o goberno municipal requirise á empresa o cumprimento dos prazos”.

“A non realización destes requirimentos imposibilita poder rescindir o contrato por incumprimento de contrato, xa que en caso de facelo, EPTISA podería levar ao concello a un longo proceso xudicial. Na práctica o goberno municipal está levando ao Concello a unha única saída que beneficia a unha empresa incumpridora dun contrato”, remata Cuevas.