Baiona conclúe a mellora de iluminación viaria da PO-552

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Nova iluminación da PO-552.

A Concellería de Electricidade do Concello de Baiona levou a cabo traballos para mellorar a iluminación na Avenida Joselín, PO-552, no Rompeolas. Mellorouse a eficiencia enerxética nas 12 luminarias desta zona da iluminación municipal coa substitución de lámpadas de 150 W de haloxenuro por outras de 80 W de tecnoloxía LED.

O concelleiro de Electricidade, José Ángel Bahamonde, sinala que as novas lámpadas LED mellorarán a iluminación do municipio, como xa se comprobou noutras zonas onde xa está instalada. “A iluminación LED destaca polo seu menor consumo e baixo mantemento, o que supón un gran aforro para as arcas municipais”.

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, explica que “con esta renovación contribúese, ademais, ao respecto ao medio ambiente posto que as novas luminarias consomen menos que unha lámpada tradicional, reducindo a emisión de gases de efecto invernadoiro”. Rodal matizou que o paso a LED supón “unha mellora e un aforro moi importante, cun consumo de case o 50%, conseguindo un maior aforro enerxético e por consecuencia económico ao mesmo tempo que reforzamos a cantidade de intensidade lumínica”.

Os traballos levados a cabo na Avenida Joselín veñen completar os realizados nos pasos de peóns ao longo da PO-552, cuxo fin foi tamén mellorar a seguridade viaria mediante a mellora da visibilidade. Esta medida adoptouse en varios puntos de vías urbanas nas que o Consistorio observou que a visibilidade non era a apropiada, ao estar demasiado escuros. A Avenida Foz do Miñor, en Sabarís, e a Avenida Monte Real, arterias principais de acceso norte á vila, sendo ademais os tramos que soportan maior afluencia de tráfico rodado e de peóns ao transcorrer tamén paralela ao paseo litoral, moi utilizado polos veciños para facer camiñadas.