Anuncios
Ticker de novas

UCN denuncia a manipulación que está a facer o goberno local co PXOM

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O partido independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), por medio do seu portavoz Antonio Fernández Comesaña, denuncia a manipulación e o engano por parte do goberno local como consecuencia dunha suposta nova cesión do contrato do PXOM -por renuncia da empresa EPTISA o pasado verán-, a seguir coa tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Nigrán, despois da cesión aprobada polo PP o 27 de novembro de 2014, e esta fose vendida a un grupo investidor Chinés, a pesar de que durante os tres últimos anos nada se sabe do avance dos traballos, que por outra banda, non existe constancia oficial algunha da súa entrega no Concello.

UCN reprocha ao alcalde Juan González que anuncie titulares de prensa dun desbloqueo do PXOM, cando nin tan sequera remitiu aos grupos políticos os informes técnicos e xurídicos que avalen legalmente dita cesión, “polo que moito nos tememos que se trate dunha mera xustificación ante a opinión pública, a propósito de que tal cesión do contrato non conte cos preceptivos informes favorables dos técnicos que a avalen, e pretender así culpabilizar á oposición, o que puidese tratarse dunha estratexia política moi arriscada, ou quizá unha temeridade por parte do alcalde”.

UCN considera grave a afirmación do alcalde ao dicir que “a tramitación se atopa moi avanzada, coas alegacións contestadas e o documento case listo para a súa aprobación provisional, prevista inicialmente para o primeiro trimestre deste ano, pero demorada agora por mor da marcha do grupo Chinés”.

“É unha falacia falar de que as alegacións están contestadas, cando a oposición non ten coñecemento algún, e o que é peor, a día de hoxe non consta oficialmente ningunha entrega de documentación no Concello, nin por suposto, notificar individualmente aos preto de 1.500 veciños as respostas ás súas alegacións formuladas á aprobación inicial do documento, a non ser que toda esa documentación estea exclusivamente en poder e coñecemento do alcalde, o que sería grave pola súa ocultación”, comenta Fernández Comesaña.

“Dá a impresión que o alcalde só preocúpase de facer política mediática, e como advirten os veciños, de nula xestión ou talvez virtual polos seus resultados”, engade o portavoz de UCN, que pide máis rigor e seriedade ao alcalde Juan González. “Que non trate de confundir aos veciños nin crear expectativas con falsas promesas, e que non utilice politicamente o PXOM xa que se trata de algo moi serio e non se pode estar a xogar coa ilusión e esperanza dos cidadáns que ven como pasan os anos con promesas incumpridas que xeran rabia e impotencia”.

Anuncios