Anuncios
Ticker de novas

Nigrán informa da modificación das normas subsidiarias a máis dunha vintena de organizacións

Un total de 23 das 33 entidades representadas no Consello Sectorial do PXOM acudiron este mércores á sesión convocada polo goberno para informar da proposta de modificación número 25 das Normas Subsidiarias (NNSS) que rexen o planeamento urbanístico do municipio dende 1991. O asunto, que xa fora tratado no derradeiro Consello do 10 de maio de 2017, obtivo o ditame favorable da comisión de Urbanismo, paso importante para acadar o consenso da corporación de cara a súa aprobación inicial no pleno.

“A asistencia masiva ao Consello Sectorial de onte significa que é un órgano que sigue vivo e que funciona como o mellor canalizador para trasladar información de primeira man á veciñanza e garantir, ao mesmo tempo, a participación de todos e a máximo transparencia”, sinala o alcalde, Juan González, quen acudiu á cita xunto co edil de Urbanismo, Diego García (quen trasladou aos asistentes toda a información); a tenente de alcalde, Raquel Giráldez; e o edil de Seguridade e Vías e Obras, Rubén Rial. Á convocatoria acudiron tamén representantes dos diferentes partidos.

Esta modificación é unha proposta exclusivamente técnica para adaptar ás NNSS á actual Lei do Solo, conta con todos os informes sectoriais favorables e permitiría rebaixar as restricións aos veciños en aspectos como ampliacións ata un 50% en núcleos rurais, reducir os retranqueos ou relaxar as condicións estéticas. A realidade é que no substantivo, o corpo das NNSS mantívose vixente en Nigrán ao longo de case 30 anos e, polo tanto, ao marxe da constante evolución do marco normativo, identificando os técnicos municipais disfuncións que dificultan obxectivos como a rexeneración e renovación urbana ou rehabilitación e eficiencia enerxética. O obxectivo é levar o documento á aprobación inicial do Pleno e, de ser acadada, exporíase 2 meses para realizar alegacións (o tempo máximo permitido).

“Non se pretende introducir cambios no modelo urbanístico das NNSS, esa tarefa lle corresponde ao PXOM, tampouco se pretende variar a cualificación do solo ou aumentar a intensidade edificatoria. Só se trata de pequenas correccións puntuais nas NNSS para solucionar contradicións coa normativa autonómica e estatal en vigor e resolver así deficiencias detectadas durante este tempo na oficina municipal de Urbanismo”, resume o alcalde, Juan González.

Anuncios