Anuncios
Ticker de novas

Baiona aproba inicialmente uns orzamentos de 8,6 millóns de euros

O Pleno de Baiona aprobou de forma inicial este xoves un orzamento para o ano 2018 de 8.617.716,79 €, o que supón un 1% máis que os orzamentos aprobados no pasado exercicio.

“Estamos ante unhas partidas municipais realistas, uns orzamentos que buscan a mellora dos servizos públicos. Non é casualidade o bo funcionamento do Concello, estou moi orgulloso do equipo de goberno e dos funcionarios”, afirmou o alcalde, Ángel Rodal.

O documento orzamentario aprobouse cos votos do grupo municipal do Partido Popular, co voto de calidade do Alcalde, despois de que a Tenente de Alcalde, María Iglesias, fixese unha pormenorizada exposición das partidas.

Destacou o aumento dun 70% na partida destinada á prestación do servizo de axuda a domicilio para persoas con dependencia, pasando dos 130.000 do ano pasado aos 220.000, “para cubrir o incremento de horas que outorgou a Xunta e mellorar as condicións. Do mesmo xeito, ampliarase o horario a xornada completa dunha das traballadoras sociais para dotar o departamento dun maior servizo ao cidadán”.

Outro dos capítulos destacados é o dedicado ao persoal do Concello. “Existe un compromiso do equipo de goberno cos traballadores polo que se dedicará unha partida para a aplicación progresiva da futura Relación de Postos de Traballo, unha vez que a mesma sexa aprobada, dotarase cunha consignación de 100.000 euros. Ademais, prevese un importe de 39.059,01 € para aumentar un 1,5% as retribucións dos empregados públicos”, matizou Rodal.

Tamén se recolle a creación de novas prazas e a inclusión de 8 profesores da escola municipal de música no persoal.

No documento orzamentario preséntanse uns investimentos que alcanzan os 167.605,53 €, con importante cantidade dedicada á redacción dos plans urbanísticos para os núcleos de Belesar e Morade (50.000 €), accesibilidade (25.000 euros), mobiliario da biblioteca (25.000 €), mobiliario urbano (20.000 €), plan de melloras de camiños municipais (10.000 €), eficiencia enerxética (10.000 €), capítulo este último no que o Concello aforrou nos últimos 8 anos 100.000 € grazas ás medidas adoptadas, compra de maquinaria para limpeza de rúas (10.000 €), reformas diversas en inmobles (7.000 €), substitución da vela da Carabela Pinta (6.500 €), restauración de patrimonio (2.650 €) e equipamento e mobiliario informático para as oficinas da Casa Consistorial (20.000 €).

“Hai que sinalar que o investimento para executar será superior, xa que o equipo de goberno do Concello de Baiona destinará os 625.000 € do Plan Provincial de Obras e Servizos 2018 a este labor. O 90% destes investimentos executarase nas parroquias. Ademais, están a redactarse proxectos para a súa execución ao longo deste ano, como, por exemplo: a instalación dun novo parque infantil na Palma, o cambio do céspede artificial do campo do Aral, ou a obra de mellora da mobilidade peonil en Baredo Loureza”, destacou o alcalde.

Nos orzamentos tamén se recolle un incremento de 20.000 € na achega do Concello de Baiona á Mancomunidade do Val Miñor, co obxectivo de dotar de consignación a unha futura aprobación do convenio colectivo do persoal laboral do ente supramunicipal e mellorar as condicións laborais do GES.

Así mesmo, o documento tamén sinala que o Concello de Baiona está á cabeza dos municipios que antes pagan a súa débeda, é o terceiro dos municipios en pagar as facturas, é dicir que paga antes de que finalice o prazo legal establecido para iso, 27 días antes do prometido.

Finalmente, se reserva unha partida de 200.000 euros para facer fronte a un posible crédito para abonar a cantidade que se estipule en sentenza xudicial pola recuperación do aparcadoiro do Aral.

Anuncios