Sin categoría

Baiona busca voluntarios para o IV Vertiatlón Solidario

O Concello de Baiona busca voluntarios para participar na organización do IV Vertiatlón Solidario, que se celebrará o vindeiro sábado 15 de setembro co obxectivo de colaborar coa Escola Adaptada para persoas con diversidade funcional do Monte Real Club de Yates.

Os voluntarios, que deberán ter máis de 16 anos, encargaranse de diversas tarefas loxísticas da competición, como a atención a deportistas, o control de puntos de paso, os avituallamentos ou a atención sanitaria. Todas aquelas persoas que queiran colaborar poden inscribirse no Pavillón de Deportes de Baiona, chamando ao 986 356 558 ou a través do correo electrónico deportes@baiona.org. O seu esforzo premiarase cunha camiseta e a participación na festa final do evento.

A cuarta edición do Vertiatlón Solidario volverá ser do tipo sprint. Os participantes deberán completar 750 metros a nado en augas da baía, pedalear case 20 quilómetros polas rúas de Baiona e correr 5 quilómetros ao redor do Parador Nacional. Todo o diñeiro que se recade coas inscricións destinarase á Escola de Vela Adaptada do Monte Real, na que durante todo o ano navegan persoas con discapacidade funcional de distintas asociacións galegas. Na última edición do Vertiatlón participaron máis de 200 persoas e recadáronse preto de 5.400 euros.