O xoves 1 de febreiro, a partires das 20:00 horas na Praza de Abastos de Baiona (Multiusos Ángel Bedriñana), o Bloque Nacionalista Galego celebrará unha charla-debate arredor do ventres de alugueiro.
A mal chamada xestación subrrogada saíu á palestra logo dunha tentativa de regulación mediatizada e a través dunha proposta de iniciativa lexislativa popular. A realidade é que foi impulsada por asociacións interesadas economicamente nesta regulación, pretendendo branquear o que é unha práctica explotadora do corpo das mulleres, nomeadamente as de maiores limitacións económicas.
Con esta charla o BNG pretende facer un chamamento para que tanto mulleres como homes cobren conciencia sobre o que realmente agocha o negocio dos ventres de alugueiro, posibilitando o amparo necesario para aquelas mulleres que están a ser explotadas en favor duns intereses única e exclusivamente económicos.
A charla será presentada por Juli Castro, veciña de Baiona e presente na candidatura do BNG en Baiona nas pasadas Eleccións Municipais e contará coa participación de Ana Bringas, Coordinadora da Área de Traballo Nacional de Acción Feminista do BNG, onde se produciu un intenso traballo e debate para o posicionamento da organización nacionalista e que posteriormente foi referendado polos seus órganos de dirección.

