O AD Vincios e o Vilagarcía disputarán este venres en Gondomar o derbi provincial de Superdivisión

FOTO: AD VINCIOS // Martín Pintos

Este venres 26 de xaneiro ás 19:00 disputarase en Gondomar, no Ximnasio do Instituto Terra de Turonio, o derbi de Superdivisión de tenis de mesa entre os dous representantes da provincia nesta categoría: o AD Vincios e o Vilagarcía Cociñas Bulthaup. Dos doce equipos que compiten na máxima categoría nacional, a única provincia que posúe dous representantes é a provincia de Pontevedra, que xunto ao Arteal de Santiago son reflexo do bo nivel de Galicia neste deporte dentro do conxunto do territorio nacional.

Na localidade de Gondomar poderase gozar dun encontro de moito nivel entre os dous representantes do tenis de mesa pontevedrés, coa participación polo equipo local do xogador da canteira Martín Pintos, o internacional portugués Diogo Silva e a estrela do equipo local, o internacional ucraíno Ievgen Pryshchepa, contra a posible aliñación dos xogadores do equipo vilagarcián, o catalán Ramón Mampel, o ucraíno Sergei Nigeruk e un das súas dúas fichaxes deste ano, o belga Lauric ou o checo Michal Obeslo.

No encontro da primeira volta celebrado en Vilagarcía venceu o AD Vincios 2-4, co que o equipo de Vilagarcía tratará de tornar o resultado no desquite en terras miñoráns. Espérase un encontro moi disputado e equilibrado xa que son dous equipos de potencial moi parello situados en metade da táboa clasificatoria, situándose o Vincios no quinto posto e o Vilagarcía no sexto, só separados por dous de puntos. O AD Vincios vén de perder 4-1 no encontro celebrado no seu desprazamento a Irún mentres o Vilagarcía venceu a L´Escala 4-1 de Xirona como locatario na última xornada da primeira volta. Espérase unha boa entrada con presenza das dúas afeccións.